Protesta contra a "agresión" a unha transexual en Lugo e convocatorias noutras cidades o sábado
Representantes de todas as forzas con concelleiras acoden á mobilización, aínda que a alcaldesa pide prudencia antes de sacar conclusións sobre o carácter transfóbico do sucedido
A afectada segue ingresada no hospital con prognóstico reservado e o seu testemuño será clave para saber se algunha a fiscalía pide ou non prisión provisional para o investigado, que conta con antecedentes penais
Amizando convoca protestas similares á do venres en Lugo o sábado na Coruña, Pontevedra, Vigo e Santiago de Compostela
Máis dun centenar de persoas mostraron este venres a súa repulsa tras a agresión sufrida por unha muller transexual que supostamente foi lanzada desde a Muralla de Lugo na madrugada do pasado domingo por un home con antecedentes previos.
Na protesta, convocada por colectivos como a Asociación de Familias de Menores Transexuais (Arelas) e a Asociación pola Liberdade Afectivo-Sexual (Ás), Avante e Amizando, leuse un manifesto a través do que se alertou dun "aumento" da violencia LGTBIfóbica e mostraron a súa repulsa á "violencia" sufrida pola moza de 23 anos, á que trasladaron a súa forza e agarimo.
No acto ao que acudiron representantes do PP, do PSOE, do BNG e Esquerda Unida, ademais, tomaron a palabra a activista Xacia Ceive e a presidenta de Arelas, Cristina Palacios, quen afeou ao Concello de Lugo que non dispoña dun protocolo de axuda ao colectivo.
INVOLUCIÓN SOCIAL
Ademais, no acto denunciouse a "pasividade" das institucións e de parte da cidadanía ante este tipo de agresións, e pediuse apoio ao colectivo nun contexto de "aumento dos discursos de odio cara ao colectivo LGTBI".
E é que, tal e como sinalou en declaracións a Europa Press o presidente en Lugo de ALAS, Marcos Fernández Trigo, o colectivo atravesa "un momento delicado" no que os protagonistas destes discursos de "medo e odio" cara ao colectivo pretenden arrebatarlles "os avances conseguidos durante décadas".
Escribe o teu comentario