'Festival Maré 21': Trinta actuacións desde o 23 de setembro en Santiago de Compostela
Haberá eventos en recintos culturais, como o Auditorio de Galicia, pero tamén ao aire libre, por exemplo no Parque de Santo Domingos de Bonaval
O 'Festival Maré 21' chega á súa 17ª edición, a segunda en Santiago de Compostela, onde se celebrará do 23 ao 26 de setembro en distintos escenarios e puntos da cidade.
Entre eles, o Teatro Principal, o Auditorio de Galicia e, por primeira vez, en emprazamentos do patrimonio monumental, clubs e o Parque de Santo Domingo de Bonaval.
TRINTA EVENTOS
O festival será lugar de encontro de artistas, músicos, poetas e escritores de ambas as beiras do Atlántico que conflúen en Santiago de Compostela para celebrar a súa diversidade e creatividade culturais.
En total, máis de 30 propostas musicais e artísticas, oito delas aínda inéditas aquí e dúas que serán unha estrea mundial, procedentes dunha decena de países e comunidades autónomas que comparten vínculos de diferente tipo con Galicia.
Así, ademais dunha ampla representación galega, o cartel inclúe artistas procedentes de Catalunya, Portugal, Colombia, Brasil, Mozambique, Cabo Verde, Güiana, Arxentina, Malí, Inglaterra, Sahara Occidental ou Paraguai.
Valentín García: "Maré constitúe unha cita moi importante na visibilización do gran potencial que a cultura galega ten coa Lusofonía"
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na presentación oficial do evento xunto a outros cargos.
"Maré constitúe unha cita moi importante na visibilización do gran potencial que a cultura galega ten coa Lusofonía", indicou García, que destacou que "na actualidade xa dá cabida tamén a músicas e creacións culturais de todo o mundo que enriquecen e dialogan coa cultura galega para engrandecela e crecer de forma conxunta".
Escribe o teu comentario