A 'crise dos microchips' provoca unha nova parada en varías liñas de Stellantis Vigo
A planta do grupo Stellantis (antes PSA Peugeot Citroën) en Vigo confirmou este venres que volverá suspender a súa produción algúns días da semana que vén debido a problemas de subministración que teñen a súa orixe na chamada 'crise dos microchips'.
A CUT ten convocada unha protesta, 24 de xuño ás portas do MARCO desde as 19:30, en contra do "ERTE inmoral" que "só busca protexer á empresa", aínda que a maioría dos outros sindicatos si apoia os paróns, que ían ser esporádicos pero están a ser constantes.
Así, a dirección da factoría informou ao persoal de que o sistema 1 (que monta o Peugeot 301, o Peugeot 2008 e o C-Elysée) non traballará nin o luns 21 nin o martes 22 de xuño. As quendas de día deste sistema incorporaranse o mércores, e volverán parar o xoves 24 de xuño, mentres que a quenda de noite, pola súa banda, parará tamén o día 23 e reincorporarase á actividade o xoves 24.
Pola súa banda, o sistema 2 (que monta as furgonetas) traballará normalmente os días 21, 22 e 23 de xuño, ata a quenda de noite, que non terá actividade, así como as quendas de día do día 24.
Os dous sistemas da planta viguesa estiveron parados o pasado domingo e o luns desta semana, retomando a produción o martes. Estas paradas e as que se prevén, súmanse ás outras moitas que a fábrica sufriu desde principios de ano por falta de compoñentes que serven provedores afectados pola 'crise dos microchips'.
ERTE CO CONSENSO DA MAIORÍA, PERO NON DE TODOS
Para afrontar este escenario, Stellantis Vigo ten en marcha un ERTE pactado coa maioría do comité de empresa (salvo os sindicatos CIG e CUT), que contempla a regulación dos traballadores fixos a tempo completo durante un máximo de 60 días, e que está en vigor ata final de ano.
Escribe o teu comentario