Perigo polo coronavirus en Santiago ao triplicarse os positivos en só unha semana, advirte Bugallo
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, mostrou este venres a súa "preocupación" pola evolución da pandemia na cidade, xa que a incidencia a sete días triplicouse na última semana.
O 5 de maio o cómputo semanal de positivos caera a 13 e agora Santiago suma 40. Ademais, a capital está en plenas festas patronais da Ascensión, o que provoca aglomeracións nalgunhas rúas.
A curva bisemanal tamén leva catro días seguidos crecendo de maneira notable, aínda que o seu nivel (53) aínda é mellor que a media de Galicia (80).
Nos centros escolares da cidade, o máis afectado segue sendo La Salle, con 3 positivos, aínda que isto pode cambiar hoxe ao cerrar e unha aula na gardería pública da Alameda polo contaxio dunha traballadora.
Segundo contou, hai unha semana, a incidencia a sete días da capital galega era de 13 casos por 100.000 habitantes, mentres que este venres é de 41, máis de tres veces por encima.
"É previsible que a cifra siga crecendo a próxima semana, e iso, indubidablemente, non é bo, e debemos facer unha chamada de atención", dixo o rexedor.
Sánchez Bugallo explicou que os datos que manexa de "comportamento" dos composteláns estes días de festas da Ascensión "son razoablemente bos", pero chamou a atención sobre o efecto do incremento da mobilidade, así como do feito de que se "afrouxen as medidas" en "ambientes máis familiares".
Sobre as festas en pisos rexistradas estes días de Ascensión, Bugallo explicou que foron "menos alarmantes" do que se temía desde o consistorio. En concreto, explicou que se interveu nunhas cinco festas, unha cifra "non especialmente alta". "Globalmente, o comportamento foi bo", resolveu.
Escribe o teu comentario