Accidente mortal en Ordes: falece un home de 38 anos e unha moza de 20 resulta ferida grave nun choque frontal
Un fatal accidente de tráfico en ordes, na N-550, sáldase coa morte dun home de 38 anos.
Ademais, unha moza de 20 anos, condutora do outro vehículo sinistrado, resultou ferida de gravidade.
Un choque frontal ocorrido onte á noite no municipio coruñés de Ordes saldouse coa morte dun home de 38 anos e unha moza de 20 trasladada a un hospital ferida grave.
Segundo informan fontes oficiais, o accidente ocorreu sobre as 21,00 horas deste xoves de Noiteboa á altura do quilómetro 41 da N-550.
O 112 Galicia recibiu a alerta a través dunha persoa particular e seguidamente puxo a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias-061, os bombeiros do municipio, a Policía Local, a Garda Civil e o servizo de mantemento da estrada.
O falecido era o único ocupante dun Volkswagen Golf, mentres que a ferida viaxaba como condutora dun Opel Corsa. Ambos eran veciños de Ordes.
Os vehículos resultaron calcinados como consecuencia da colisión despois da evacuación dos dous afectados. Os servizos sanitarios non puideron facer nada para salvarlle a vida ao home, mentres que a moza foi trasladada ao Hospital Clínico de Santiago de Compostela.
Un equipo de atestados da Garda Civil investiga as causas deste accidente, así como se ambos os implicados facían uso do cinto de seguridade.
Escribe o teu comentario