CIG denuncia ante os tribunais a Abel Caballero por vulnerar supostamente o dereito de folga dos bombeiros

Os sindicatos tamén trasladaron á Inspección de Traballo supostas irregularidades no protocolo antiCOVID

|

O organismo sindical presenta unha denuncia nos xulgados de Vigo contra o alcalde socialista, Abel Caballero, polo trato dispensado aos bombeiros da cidade olívica, que levan meses de loita contra o goberno local.


A xustiza emitiu dúas sentenzas contra o Concello vigués polo decreto de servizos mínimos que presentou o mando municipal pola folga indefinida do servizo. 


Colectivo de bombeiros de Vigo, concentrados ante o parque de Teis, en protesta pola falta de efectivos suficientes no servizo.


O sindicato CIG presentou este venres unha denuncia penal nos xulgados da cidade contra o alcalde, Abel Caballero, pola suposta vulneración do dereito á folga dos bombeiros da cidade, despois de que os tribunais declarasen nulo o decreto de servizos mínimos aprobado polo goberno local.

Segundo lembrou a central nacionalista, existen varias sentenzas que dan a razón ao colectivo de bombeiros acerca das súas denuncias sobre a situación do servizo. Así, o goberno local aprobou un decreto que suprimía os descansos e impoñía horas extras a estes funcionarios, e que foi anulado polo Contencioso Administrativo (e en segunda instancia polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia).

Cando os bombeiros de Vigo iniciaron a súa folga indefinida, en agosto do ano pasado, para reclamar máis persoal e mellores condicións, o goberno local aprobou un decreto de servizos mínimos que, na práctica, establecía que o número de efectivos debía ser o mesmo que nunha xornada ordinaria (20 máis un mando).

Ese decreto tamén foi anulado en primeira instancia e logo polo TSXG, por entender que os servizos mínimos aprobados "baleiran de contido" o dereito á folga, ao coincidir co número de efectivos que traballan ordinariamente.


"DEPURAR RESPONSABILIDADES"

A pesar desas sentenzas, denunciaron os sindicatos, o goberno local non moveu ficha e non corrixiu a situación. De feito, hai uns días, o alcalde, Abel Caballero, limitouse a sinalar que o goberno "toma nota" da sentenza sobre os servizos mínimos para próximas folgas, dando por concluído o paro no servizo de bombeiros, a pesar de que aínda está vixente.

Por todo iso, a CIG interpuxo esta denuncia contra o rexedor, ao entender que "foi a autoridade municipal que coartó e impediu o lexítimo exercicio do dereito de folga, que lexitimamente foi convocada por dous sindicatos (CIG e CUT) do Concello".

Así mesmo, indicou que, tras as resolucións xudiciais no ámbito contencioso administrativo, "toca agora que os órganos da xurisdición penal depuren responsabilidades".


PROTOCOLO COVID

Por outra banda, a CIG tamén informou de que, xunto aos sindicatos CUT e CC.OO., presentou denuncia ante la Inspección de Traballo para que determine se houbo incumprimentos ou irregularidades na aplicación da normativa de prevención de riscos laborais, en relación coas medidas de protección antiCOVID.

Os sindicatos apuntaron que, tras o contaxio dun bombeiro, os seus compañeiros non foron informados de inmediato de que tiñan a condición de "contacto estreito" con esa persoa, e a xefatura do servizo, supostamente por indicación do médico, "cominou a varios funcionarios para acudir ao seu traballo, sendo conscientes da condición de contacto estreito" co empregado que dera positivo.

"Algúns traballadores, por medo a posibles sancións e represalias derivadas do actual clima de conflito no servizo, incorporáronse ao seu posto, converténdose en potenciais propagadores do virus entre os seus compañeiros, familias e demais cidadáns", censuraron os sindicatos.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE