Os datos do voto por correo apuntan a que se volverá a disparar a participación nas eleccións
As solicitudes de votar a distancia aumentan máis dun 64% respecto hai catro anos. Nas xerais, o voto por correo tamén aumentou, deixando entrever a masiva participación que impulsou a vitoria socialista, pois historicamente a alta participación favorece á esquerda.
Un total de 62.418 persoas solicitaron poder votar por correo nas eleccións municipais do próximo domingo 26 de maio, pero foron aceptadas unicamente 61.745 peticións.
Nos comicios locais de fai catro anos, xestionáronse 37.540 solicitudes de cidadáns inscritos no censo electoral galego, pero posteriormente exerceron o seu dereito a través deste método uns 29.000 cidadáns.
Segundo os datos que figuran no Instituto Nacional de Estatística (INE), recollidos por Europa Press, do total de aceptadas para a presente convocatoria electoral de 2019, 61.480 correspóndense con cidadáns residentes en España e 265, temporalmente no estranxeiro. Foron denegadas, pola súa banda, 673 solicitudes.
Por provincias, A Coruña é a que se sitúa á cabeza de solicitudes aceptadas, cun total de 22.768 de residentes en España e 131 temporalmente no estranxeiro.
En Pontevedra, contabilizáronse 18.617 peticións de residentes e 92 de persoas que están fóra de España por distintas circunstancias.
Mentres, en Ourense hai 10.531 peticións, das cales 17 son de residentes provisionalmente fóra de España; e en Lugo, 9.581 solicitudes de voto por correo, ás que hai que sumar 25 de cidadáns con dereito a voto que están fóra dos seus municipios neste momento.
Do total de 673 solicitudes denegadas, 151 correspóndense coa provincia da Coruña; 255, coa de Pontevedra; 149, coa de Ourense; e 118, coa provincia de Lugo.
Escribe o teu comentario