O fútbol camiña cara á súa autodestrución. Quen vive del non son conscientes de que a vaca xa non pode dar máis leite e que de seguir ordeñándoa desta maneira acabará morrendo irremediablemente máis cedo que tarde.
Se o fútbol amateur está na ruína, o de competición xa nin pode salvar á Segunda División, que xa esta mesma tempada viu como a competición se tiña adulterado, porque un equipo desapareceu carcomido polas débedas. Os demais seguen a duras penas coa esperanza de ascender á división dos máis grandes para ter algunha posibilidade de ter algún futuro.
O caso da Sociedade Deportiva Éibar, presidida por unha muller, considérase un fito extraordinario de sensatez e boa xestión, cando esa maneira de facer as cousas debera ser precisamente o camiño para seguir por todos.
Os moi grandes, Madrid, Barça, At. de Madrid e poucos máis queren e conspiran para poñer en marcha a súa Liga Europea, rica en ingresos para eles, pero a ruína para as Ligas Nacionais das que viven as Federacións de cada país e con elas os dirixentes máis incompetentes e corruptos deste deporte, máis ben negocio, que está perdido nos seus máis evidentes contradicións e despropósitos.
Os vendedores de dereitos de televisión e quen reparte as millonarias cifras que manexan son os auténticos tahúres dun negocio que ameaza ruína, mírese por onde se mire. España, que é un país de fútbol -antes foino de touros e miren como está a festa- puxo uns prezos que os pequenos bares de vila e ata de cidade non poden pagar: 400 euros ao mes!
Con esa cifra na factura, un bar que debe de cobrar a cervexa a un euro aos seus fregueses e debe pagar os seguros sociais e todos aqueles impostos que lles cobra o Concello e a Comunidade Autónoma, ademais da luz, a auga e mil cosas máis, escolle se pode piratear o servizo e se o pillan e déixano sen sinal -que é o que está a pasar- finalmente quita o fútbol que o asfixia economicamente, aínda que o seu forofismo merengue ou culé dígalle todo o contrario.
E así, como pasa cos cinemas ou as sucursais dos bancos e ata as farmacias e a sanidade, estamos a destruír o que dá sentido ás poucas alegrías da que gozaba a inmensa clase media que un día, non fai moito, vivía cunha pequena marxe de felicidade neste país.
Supoño que o do fútbol e os bares onde se ven os encontros a Florentino Pérez e a Bertomeu traeralles ao pairo e ao “comunista” de Roures soaralle a estupidez xornalística. Seguramente eles saberán xa como pagarán ás estrelas cando non haxa afeccionados que lles sigan. Son tan listos que un aínda asómbrase de que a Academia sueca aínda non lles concedera un dos seus famosos Nóbeles.
Eu, que puiden escoitar mentres contemplaba o Huesca-Barça os queixumes do propietario do bar andaluz que me acollía, quedei coa angustia da súa xusta queixa, e con ela o fundamento da mesma: Cobrar 400 euros ao mes polo sinal do fútbol a un bar de pobo é un abuso. E aí plántome.
Escribe o teu comentario