"Fraude de lei" do Concello de Vilanova nunha petición de subvención á Deputación de Pontevedra

O alcalde, enfrontado co goberno provincial de Carmela Silva, presentou documentación dun centro xa contruísdo co único fin de que se lle dese máis prazo


|

O alcalde, enfrontado co goberno provincial de Carmela Silva, presentou documentación dun centro xa contruísdo co único fin de que se lle dese máis prazo


O Xulgado Contencioso-Administrativo número un de Pontevedra desestimou o recurso contencioso-administrativo presentado polo Concello de Vilanova de Arousa contra un acordo do pleno da Deputación de Pontevedra, que desestimaba a súa petición dunha subvención de 1,5 millóns para a construción dun centro de talasoterapia no marco do Plan de Reequilibrio desta institución.



Gonzalo duran vilanova

Gonzalo Durán, alcalde de Vilanova 


O deputado Carlos López Font deu a coñecer o fallo xudicial no transcurso do Pleno ordinario da Deputación de Pontevedra celebrado este venres.


Na sentenza, o maxistrado sinala que o Concello de Vilanova de Arousa -que goberna o PPdeG- presentou, "en fraude de lei", como "única documentación técnica" no prazo habilitado a correspondente a unha obra xa realizada, "co único propósito de conseguir artificiosamente unha ampliación do prazo para redactar e presentar o verdadeiro proxecto".


O fallo, así mesmo, sinala que, con esta estratexia o Consistorio, "ademais de infrinxir a referida base terceira da convocatoria, obtiña subrepticiamente unha clara vantaxe fronte aos seus competidores". Tamén lembra que o Plan de Reequilibrio ten un procedemento de concorrencia competitiva con fondos limitados.


O maxistrado lembra que lle corresponde ao demandante, é dicir ao Concello de Vilanova, a carga da proba para acreditar a súa versión. A pesar diso, asegura que a Administración local non o fixo xa que "non achegou ningunha proba convincente para demostrar o seu relato" e, pola contra, "a proba promovida pola Deputación reforzou a súa formulación".


O ALCALDE QUE DIXO O DE "CHACHA PARA TODO"

A exclusión do Consistorio de Vilanova destas axudas provinciais enfadara ao alcalde da localidade, o popular Gonzalo Durán, quen chegou a dicir que estaba a ser "vítima dun claro exemplo de sectarismo político" e definiu á Deputación como "un órgano político gobernado polo Concello de Vigo, polo ancián Abel Caballero e o seu chacha para todo, que é Carmela Silva".


Durán interpuxo tres denuncias diferentes contra a Deputación nos xulgados, a do Plan de Reequilibrio é a primeira en resolverse.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE