Explican a importancia da fisioterapia na recuperación dun paciente sometido a transplante

Para os fisioterapeutas galegos, a fisioterapia é unha das disciplinas fundamentais que interveñen nos procesos de preparación e recuperación


|


Fisioterapia


O Colexio de Fisioterapeutas de Galicia (CoFiGa) explica na súa campaña "12 meses, 12 consellos de saúde" que o tratamento con fisioterapia facilita a preparación e a recuperación dos pacientes sometidos a un transplante, especialmente nos casos de pulmón e corazón. 


O próximo 26 de febreiro celébrase o Día Nacional do Transplante, e para os fisioterapeutas galegos, a fisioterapia é unha das  disciplinas fundamentais que interveñen nos procesos de preparación e recuperación dos pacientes sometidos a calquera tipo de transplante, importante para conseguir uns resultados óptimos durante o tratamento.


Por este motivo, e para poñer en valor o labor da fisioterapia neste campo, o Colexio de Fisioterapeutas de Galicia, conxuntamente cos homólogos de Andalucía, Cataluña, Comunidad de Madrid, Comunidade Valenciana, Navarra e País Vasco, dedican o vídeo mensual da súa campaña a informar sobre as aplicacións da súa disciplina neste tipo de intervencións.



RECUPERACIÓN E EXERCICIO


Un dos grandes problemas aos que se enfrontan os pacientes que se someteron a un transplante na fase de recuperación é a perda muscular. Para previr que isto ocorra, recoméndase realizar exercicio, sempre de maneira controlada e progresiva.


Neste caso, tras facer unha valoración individual do paciente, o fisioterapeuta é o encargado de adaptar as técnicas de fisioterapia, que poden incluír desde mobilizacións suaves, masoterapia, e exercicio terapéutico ata termoterapia, entre outras.


Ademais, a actividade deportiva debe ser un dos elementos da rutina do paciente que se someteu a un transplante, que non debe levar unha vida sedentaria. Tras a valoración do especialista e a realización dunha proba de esforzo, o fisioterapeuta realiza unha adaptación da actividade do paciente en función das súas posibilidades e graos de tolerancia.


Aínda que este tipo de pacientes deben evitar os deportes de contacto, porque poden producir danos nos tecidos do órgano trasplantado, practicar deporte de baixo impacto reporta moitos beneficios para o funcionamento do órgano. Ademais, nestes casos, os beneficios do deporte tamén se traducen a nivel emocional, reducindo tensión, ansiedade ou mesmo a sensación de dor. A natación, o golf ou o ciclismo atópanse entre os deportes máis recomendados.


"DOCE MESES, DOCE CONSELLOS PARA A SAÚDE"


Cos vídeos da campaña “12 meses, 12 consellos de saúde”, os fisioterapeutas galegos queren incidir na  súa vocación de servizo público á poboación, contribuíndo de forma continuada ao asesoramento á comunidade en temas relacionados coa promoción e a defensa da saúde e resaltando ao mesmo tempo que unha das funcións fundamentais da fisioterapia e dos fisioterapeutas é a prevención e non unicamente o tratamento de lesións e/ou enfermidades.


Con esta iniciativa, os distintos colexios participantes reforzan o seu compromiso de poñer en valor a importancia do fisioterapeuta como un profesional sanitario fundamental na prevención de lesións e doenzas, así como na educación para a saúde.

relacionada Un médico do SERGAS denuncia ante o xuíz "dilacións" no tratamento da Hepatite C
relacionada Os celadores sanitarios de Galicia reclaman unha formación regrada que regule as súas tarefas

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE