O BNG propón unha reforma electoral que dea dous escanos máis a Galicia
Ana Pontón reclama máis proporcionalidade e critica que a proposta de Ciudadanos e Podemos porvocaría unha "distorsión" na repartición.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, atacou este mércores a reforma da lei electoral sobre a que coincidiron Ciudadanos e Podemos e advertiu de que se necesita unha normativa que outorgue "máis proporcionalidade" da que hai actualmente. Así, entre outras cuestións para cambiar, os nacionalistas galegos apostan por unha circunscrición autonómica única e un método de repartición de escanos que lle outorgaría á o Comunidade galega un total de 25 representantes fronte aos 23 actuais no Congreso.
En rolda de prensa, na que presentou as propostas do Bloque co obxectivo de que Galicia "teña unha posición" nun debate que se está dando no ámbito do Congreso, onde esta formación actualmente non conta con representación, Ana Pontón advertiu de que, coa proposta de Ciudadanos e Podemos, en Galicia produciríase unha "distorsión" e actualmente o PSdeG contaría con máis escanos que En Marea no Parlamento de Galicia (están empatados en número de deputados pero a formación 'rupturista' logrou máis votos nas urnas situándose como segunda forza política).
De feito, esta situación sería a inversa á que acontecería no conxunto do Estado coa proposta feita polas dúas formacións de ámbito estatal. "É importante que Galicia teña unha posición, porque nos afecta de maneira directa. Calquera debate sobre unha reforma electoral ten que basearse nun principio democrático de proporcionalidade", aseverou Pontón.
Escribe o teu comentario