O Goberno propón mandar a prisión permanente a incendiarios que provoquen mortes
O proxecto de lei aprobado este venres amplía os supostos aos que aplicarlle a pena. Din que non lexislan "en quente".
O Consello de Ministros aprobou este venres o proxecto de lei co que propón ampliar os delitos penados con prisión permanente revisable. En concreto, introduce cinco novos supostos: asasinato con obstrución da recuperación do cadáver, asasinato despois de secuestro, violacións en serie, violación a un menor tras privalo de liberdade ou torturalo e mortes en incendios, estragos en infraestruturas críticas ou liberación de enerxía nuclear ou elementos radioactivos.
Así o informou este venres en rolda de prensa o ministro de Xustiza, Rafael Catalá, quen xustificou esta decisión porque existe "unha demanda social", á vez que defendeu que o Executivo non está a lexislar "en quente".
O ministro lembrou que a pena de prisión permanente revisable se introduciu na lexislación española en 2015, pero que entón o Goberno foi "prudente" e limitou a súa aplicación a oito supostos --asasinato de menor de 16 anos ou persoa especialmente vulnerable; asasinato subseguinte a un delito contra a liberdade sexual; asasinato cometido por membro de organización criminal; asasinato múltiple; asasinato terrorista; homicidio do xefe do Estado ou herdeiro; homicidio de xefes de Estado estranxeiros; e xenocidio ou crimes de lesa humanidade--.
VONTADE DOS CIDADÁNS
Agora, o Goberno opina que, ademais dos "avais xurídicos e legais", ten o "principal aval", que é a "vontade dos cidadáns". "Nas enquisas, a opinión pública reiteradamente puxo de manifesto que considera razoable que no Código penal exista unha pena así para os delitos máis graves", explicou, á vez que remarcou que neste apoio hai unha "certa identidade ideolóxica dos votantes" de PP, PSOE, Ciudadanos e Podemos.
Ademais, lembrou que a maioría de países europeos inclúe a pena de prisión permanente revisable no seu ordenamento xurídico, con gobernos de distinta cor política. "É unha cuestión moi consolidada e non coñezo ningún goberno que se estea propoñendo a revisión", manifestou.
CONFÍA NA REFLEXIÓN
Á pregunta de se ve posible aprobar o proxecto de lei, o ministro limitouse a sinalar que xa se verá o que sucede durante a tramitación parlamentaria, pero volveu lembrar que a prisión permanente revisable existe en toda Europa salvo en Croacia e Portugal.
"Se o 80 por cento da poboación considera que debe existir esta pena, como van estar os grupos tan afastados do sentir social? As leis deben parecerse á sociedade o máximo posible e é o que tentamos, lexislando tamén preto das vítimas do delito", explicou.
Ademais, subliñou que "non foi o Goberno quen puxo encima da mesa" o debate de ampliar a prisión permanente revisable, senón "os grupos que propuxeron a súa derrogación" e negou que o Executivo aprobase este proxecto de lei "en termos de oportunidade electoral".
Escribe o teu comentario