Celso Borges: "Temos que gañar por supervivencia"
A chegada de Seedorf revolucionou os adestramentos e o novo técnico decidirá quen vai ser o capitán.
A chegada de Seedorf ao Dépor empeza a deixar pegada. En primeiro lugar, o novo técnico planificou para esta semana tres dobres sesións de adestramento, que Celso Borges destaca que servirán "para coñecernos máis" e tamén "para coñecer nós a el".
Ademais, o adestrador vai decidir quen será o capitán sobre o terreo de xogo entre Mosquera, Borges, Sidnei, Juanfran e Navarro, elixidos polo vestiario a principio de tempada.
Ante a prensa, Borges destacou de Seedorf que "é unha persoa positiva", consciente da situación na que chega, e esperou que esta renovación impulse o equipo para "cambiar os resultados".
De momento, o xogador subliña que "sabemos o que supón sempre un cambio de adestrador, todo o mundo quere estar máis enchufado".
O aspecto mental é unha das claves, para Borges. "Temos que sacalo por unha cuestión de supervivencia", proclamou o costarriqueño. Neste sentido, advertiu que "o equipo ten que enfocarse en sacar unha vitoria" sen importar se o xogo "é bonito ou feo".
Escribe o teu comentario