​O thriller 'Dhogs' acapara 17 nomeamentos aos Premios Mestre Mateo

A gala de entrega, "divertida" e "moi reivindicativa", será o 3 de marzo no Palacio da Ópera da Coruña


|

Premiosmestremateo


O thriller en galego 'Dhogs' acapara un total de 17 nomeamentos en 14 categorías dos Premios Mestre Mateo, entre elas a mellor longametraxe, a mellor interpretación protagonista, para Iván Marcos e Melania Cruz, e a mellores actores de reparto, para María Costas, Antonio Durán 'Morris', Carlos Blanco e Miguel de Lira.


A longametraxe compite tamén polo mellor guión, dirección e montaxe para Andrés Goteira, que comparte esta última categoría con Juan Galiñares. Ademais, Lucía Catoira, Noelia Vilaboa e Germán Díaz disputaranse os premios á dirección fotográfica, á dirección artística e á mellor música orixinal, respectivamente.


ANUNCIO DOS NOMEAMENTOS


Os encargados de anunciar os nomeados foron os actores María Mera e Monti Castiñeiras, que leron os finalistas de entre máis de 158 obras presentadas.


A cerimonia de entrega de premios celebrarase o próximo 3 de marzo no Palacio da Ópera da Coruña e estará conducida pola actriz Iolanda Muíños.


En número de nomeamentos, séguenlle a 'Dhogs' a adaptación da novela de Manuel Jabois 'A estación violenta', en oito categorías; a serie 'O final do camiño' e a película 'Os fillos do sol', en sete cada unha; a serie 'Serramoura', en seis; e as películas 'Juana de Vega, vizcondesa do arado' e 'Trinta lumes', en cinco categorías cada unha.


Na área de mellor longametraxe, están nomeadas 'A estación violenta', 'Os fillos do sol' e 'Trinta Lumes', ademais da xa mencionada 'Dhogs'.


MELLOR INTERPRETACIÓN


Xunto á xa mencionada Melania Cruz por 'Dhogs', compiten pola mellor interpretación feminina as actrices Nerea Barros, por 'A estación Violenta'; Sabela Arán, por 'Viradeira'; e Sonia Castelo, protagonista de 'Juana de Vega, vizcondesa do arado'.


O compañeiro desta última, Iván Marcos, está nomeado ao mellor actor protagonista, xunto a Alberto Rolán, por 'A estación violenta'; Federico Pérez, por 'Era visto!'; e Javier Rey, por 'O final do camiño'.


PROGRAMAS E SERIES DE TELEVISIÓN


En canto a televisión, as series nomeadas, todas elas emitidas na Televisión de Galicia, son 'Era Visto!', 'O final do camiño', 'Serramoura' e 'Vidago Palace' --esta última producida en colaboración coa cadea pública lusa Rádio e Televisão de Portugal (RTP)--.


Os presentadores de televisión María Solar, de 'A revista fin de semana'; Nieves Rodríguez, de 'Vaia troula'; Rodrigo Vázquez, de 'Ti verás'; e Roberto Vilar, de 'Land Rober Tunai Show', disputaranse o galardón ao mellor comunicador de televisión.


Este último programa está nomeado ao mellor da televisión galega xunto a 'ADN galego', 'Que casas!' e 'A revista fin de semana'.


UNHA GALA "MOI REIVINDICATIVA"


Ademais, durante o evento de presentación dos nomeados, houbo reivindicacións do papel das mulleres na industria do cinema e da televisión, como xa foi habitual nas últimas galas de entregas de premio como os Goya, coa inclusión de varios abanicos vermellos coa mensaxe 'Máis Mulleres'.


Neste sentido, Ares avanzou que a gala de entrega dos premios será "divertida" e "moi reivindicativa". "Estamos para acompañar á xente nas súas reivindicacións lóxicas e xustas", proseguiu.


Así, destacou que, entre os catro nomeamentos á mellor longametraxe, dous deles recaesen sobre dúas películas dirixidas por mulleres --'Trinta Lumes', de Diana Toucedo, e 'A estación violenta', de Anxos Fazáns-- e outras dúas por homes.


Para o presidente da Academia Galega do Audiovisual, isto é "motivo para congratularse". "Oxalá outros anos non teñamos que facer estas contas e que haxa catro mulleres nomeadas o vexamos normal", sentenciou.


relacionada O audiovisual galego reivindica máis protagonismo feminino
relacionada María y los demás, a gran triunfadora dos Mestre Mateo

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE