Por que pedirlle a Feijóo que non marche?

Antonio-Carlos Pereira Menaut

Feijoo avioneta



Xulgar a un político vén sendo como xulgar a un actor: nada sabemos do seu interior, das súas intencións; só do seu rol público. Os actores clásicos gregos poñían unhas máscaras, separando así persoa e papel público. Neste caso, o deber de respectar a Feijóo no persoal (como a todo o mundo), é ben doado, pola escasa fascinación que exerce ese político de perfil baixo que non é realmente popular en ningures. Hai xente que quere saber máis das ideas políticas de Trotsky, Churchill ou Fraga; de Feijóo, que eu saiba, non, case nin entre os votantes do PP (aparte de que non se lle coñecen moitas ideas políticas propias).


Por tras das exitosas aparencias de Feijóo (máis mediáticas que reais), o que hai é un "eterno delfín" fracasado a quen Madrid nunca deu chamado (polo menos ata agora). Tamén Fraga tivera algo de fracasado cando veu a Galicia, pero tomouna en serio (dende a súa perspectiva, claro, pero en serio). Pola contra, este Presidente que parece sacado dos "Cincuenta Políticos a DezReás" non seguiu política propia ningunha importante, e algunha abertamente negativa para Galicia. Certo que no 2017 o PIB per cápita de Galicia é superior ao de antes, pero iso débese moitomáis a Inditex e outras empresas que a Feijóo. Os feitos son que, polo visto, as pensións máis baixas de España son as de Lugo e Ourense. O baleiramento da poboación xove, provincias atlánticas incluídas, é unhasangría. E respecto de banca, acción exterior galega —tan coidada por Fraga—, universidades ou incendios, os resultados dun enterrador non serían demasiado distintos dos de Feijóo. Aquí os funcionarios están peor pagados, con máis recortes e menos prazas que noutras comunidades autónomas. Na sanidade, cando un volve á farmacia tal vez ten algunha medicina máis a pagar do propio peto; os médicos, controlados indirectamente, non sexa que receiten medicinas caras, e moitos que fixeron 65 anos, aínda que tiveran moito que ensinar aos médicos novos, xubilados sen importar o dano para os médicos novos.


Retrospectivamente, os indicios apuntan a que Feijóo veu aquí para, usando o PPdeG fraguista, executar o designio madrileño de ‘reconducir’ (=reducir ao máximo) as autonomías, operación que de aquela non escomenzaría por Cataluña (ninguén imaxinabaun 1-O-2017) senón por Galicia e Valencia. Así, asumiu o dubidosamente honroso encargo de seguir unhas políticas que directa ou indirectamente ían ser negativas para Galicia. E, ao ser Galicia tan pequena, iso non foi unha abstracción senón repercusións negativas concretas para os pequenos labregos e gandeiros, as universidades, e, ao final, mesmo para mín e os meus, como para todos os que vemos o noso nivel de vida e perspectivas rebaixados.


Alguén me respostará que ser contrario á autonomía non é necesariamente ir contra Galicia, e tal vez en abstracto podería ser así (aínda que eu non vexo como), pero na práctica do estado autonómico español non paga a pena discutilo: a máis do ninguneo político, Feijóo abondou na liña (que él non creou, pero asumiu) do desmedro e despoboamento da terra e dos paisanos, ao final, dos seus propios votantes. Exemplo: non habendo unha política forestal axeitada á específica realidade de Galicia, cando veñan vagas de calor e vento, haberá incendios (ou esperaban que houbese inundacións?). Logo non parece aventurado concluir que a política forestal de Feijóo (e de Madrid) foi negativa para Galicia; e o tela seguido un ano con outro, máis asespecies pirófitas, as calores e a neglixencia anti-incendios da Xunta, tivo que ver cos espantosos lumes do 2017, que poderían ter sido evitados ou minimizados se desde 2009 os gobernos de Feijóo tiveran seguido outras políticas forestais.


Para mín, se non estou errado, Feijóo simboliza o PP actual, a moral, entregado ao neocapitalismo estranxeiro e depredador; anti-galego no político, lingüístico e mesmo o cultural; un PP que ata a Galicia de mans e pese a entrega a Madrid. No fondo, non é demasiado distinto de como Zapatero ou Rajoy poñen España ao dispor de Bruxelas-Troika-Merkel, importando poucos e a UE decreta algo negativo para España ou, simplemente, se as políticas anti-crise se proban erróneas.


Despois de oito anos de Feijóo, ¿cómo quedará Galicia? Haberá algunhas cousas boas. E haberá cousas malas non debidas a él, pero tamén hai aspectos negativos que non creou pero asumiu, e dándolle unha volta de parafuso. E houbo outros asuntos, como a política anti-lingua galega, nos que Feijóo —de ordinario tan pasivo que algúns o consideraban prescindible—, amosouse moi belixerante. De resto, Galicia post-Feijóo quedará, en xeral, con menos peso en España e en Bruxelas (isto parece buscado deliberadamente), menos poboación activa; no interior, máis xabarís e menos persoas, máis tanatorios e menos escolas rurais, máis xente nova galega en Madrid ou Londres, máis estudantes fóra, máis desigualdade, máis montes queimados. Iso respecto do que presumiblemente lle deberá Galicia. ¿E a humanidade, que lle deberá? Non sei se moito, agás romper unha lanza por esa nova agresión mercantil á dignidade da muller que son os ventres de alugueiro.



Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE