Moito máis que comer: "XANTAR"

José Luis Fernández Carnicero

Nacido en Ourense en 1967. Estudou Maxisterio por Ciencias,especialista en Música. Licenciado en Ciencias Matemáticas especialidade de Estadística e Investigación Operativa na UNED.Postgrado de Experto Universitario en Modelización de Riscos en Entidades Financieiras.

Escrebo en varios diarios de Galiza, nalgúns co pseudónimo de José Luis Fernández Carnicero.

Mestre de Educación Musical no C.E.I.P. Calvo Sotelo (Carballiño).

Membro da Sociedade cultural: O Liceo de Ourense.

Membro do Consello Escolar de Galiza e do Consello Escolar Municipal de Ourense.

Xantar carne


Este ano, a feira de Expourense, XANTAR, foi un éxito sen precedentes. Observando a dinámica destes anos atrás, percibo un interese especial en potenciar e poñer en valor o fantástico patrimonio cultural que posúe a nosa provincia e cidade. A marca Ourense perfecciónase día a día con este tipo de eventos e iniciativas. O concepto ourensanía, tan estendido como malentendido entre os seus detractores, é propiedade de todos os ourensáns de nacemento ou adopción, e demóstrase nas letras, na música, as artes plásticas ou na gastronomía, por citar só algunhas. Así, esta última, é moito máis que comer. A nosa cultura culinaria está apoiada por empresarios hostaleiros que dedican as súas vidas á restauración, "dos demais". Outros atrevidos aterraron neste mundo complexísimo, e sufriron unhas consecuencias nefastas cara a un turismo que crece expoñencialmente na nosa cidade termal. Por fortuna, eses mesmos fóronse apartando do camiño e hoxe gozamos de novas referencias difíciles de superar. Aínda que durante moitos anos vivimos das rendas do pasado, chegou a hora de dar un paso firme cara a adiante. A cociña de innovación non ten interese en eclipsar a tradicional, a cal pode e debe renovarse dentro dos seus parámetros de produtos de calidade suprema e "fogo lento". As novas tendencias van da man de novos países e son complementarios á tradición da nosa gastronomía, asociada a diferentes festas anuais.


Todo isto puidemos velo na feira de Xantar deste ano. Foi cruzamento de camiños e punto de encontro de diversos países. A música, que o enche todo e nos acompaña, tantas veces en silencio, ocupou un lugar destacado nestes 5 días de feira. Entristéceme ver que moitas veces serve de escusa para romper o monótono runruneo das conversas durante e despois das comidas. Ata chega a se converter en contaminación acústica. Con todo, non foi así nesta feira 2018. E finalmente quero destacar a promoción dos "Concellos" pequenos en poboación e grandes en potencial. Véñenme á mente Castro Caldelas, Parada do Sil, Arnoia ou Ribadavia, pois citalos todos sería moi aborrecido. Non así o visitalos. Este relato quedaría coxo se esquecésemos a excelente variedade enolóxica que rega as nosas comidas. Os caldos da provincia son xa un referente do que podemos sentirnos orgullosos. E todo isto estivo presente en Xantar 2018. Vaia unha felicitación sincera aos organizadores. Augas quentes, gastronomía e cultura xa son un selo de identidade.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress