​Feijóo inaugura un parque eólico en plena polémica polo "tarifazo" eléctrico

Ana Pontón cuestiona "de que vale" producir enerxía en Galicia se paga "a factura máis cara" e acusa o presidente de "non mover un dedo".


|

Eolicoparque


A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, preguntouse "de que vale" producir electricidade en Galicia e sufrir "os prexuízos" da dita industria cando será na Comunidade galega onde "se pague a factura máis cara de toda Europa" por culpa do 'tarifazo' enerxético, do que, segundo a nacionalista, é "cómplice" a Xunta.


Así, nunha comparecencia de prensa celebrada este luns en sede parlamentaria, a líder frontista tachou de "esperpento" que Galicia "exporte" enerxía e, ao mesmo tempo, "pague a luz máis cara" de todo o conxunto estatal debido ao 'tarifazo' que lles "regalará" 71 millóns de euros ás compañías.


"Feijóo puido recorrer a lei eléctrica e non o fixo. Puido recorrer o decreto que impón o tarifazo e non o fixo. Puido darlle apoio a unha tarifa eléctrica galega máis barata e non o fixo", remarcou.


Así, tras apuntar que os cidadáns sufragarán "os impostos" que deben pagar as compañías enerxéticas pola "contaminación" que provoca a produción de electricidade, a nacionalista acusou a Xunta de "non mover un dedo" para frear unha medida que supoñerá que "cada galego pague 4 euros máis" na súa factura mensual.


Deste xeito, o BNG avanzou que volverá poñer sobre a mesa, a través dunha iniciativa parlamentaria, a creación dunha "tarifa eléctrica galega".


FOMENTO DO SECTOR EÓLICO


Fj eolico chaleco

Mentres, Feijóo visitaba o parque eólico de Malpica, que tras 20 anos de funcionamento se remodelou pasando de 69 aeroxeradores a 7 para producir ata o dobre de electricidade.


Nesta visita, o presidente defendeu a súa polémica Lei de Implantación Empresarial, convencido de que esta lei abre un novo escenario para o sector. "Vai supoñer un antes e un despois para todos aqueles que queiran investir en Galicia, no sector das renovables, pero tamén noutros sectores puxantes da nosa economía".


Así mesmo, lembrou que no marco desta lei tamén se puxo en marcha a finais de outubro o rexistro eólico galego, onde xa están contabilizados unha solicitude de execución de 1.126 megawatts, "o que significa que a finais de 2020 Galicia superará os 4.000 megawatios funcionando, co horizonte de chegar nos próximos 9 ou 10 anos aos 6.000 megawatts".


Na súa intervención, lembrou que as renovables achegan case o 90% da electricidade que consomen os galegos e tamén que Galicia é a segunda maior produtora de electricidade con renovables.


relacionada ​A factura da luz subirá para devolverlles ás eléctricas impostos cobrados en 2013
relacionada Feijóo desbota unha tarifa eléctrica galega porque "ningún español" o entendería
relacionada O PP "anula" a ILP da tarifa eléctrica galega e víraa cara á eficiencia enerxética

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE