Iníciase a declaración do BIC das esculturas de Mestre Mateo

|


Mestremateoestatuasprado


A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria iniciou o procedemento para a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) das nove esculturas do arquitecto Mestre Mateo, procedentes da desaparecida fachada occidental da Catedral de Santiago. Dous delas, a dos profetas Abraham e Isaac, atópanse en posesión da familia Franco.


A Xunta, segundo indica nun comunicado, publicou este luns a resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG), de modo que o expediente da declaración deberá resolverse no prazo máximo de 24 meses.


Na resolución, o Goberno galego expón que estas nove pezas teñen "o valor suficiente para ser declaradas BIC" polo seu "patrimonio cultural, o seu significado, a súa procedencia e a xenialidade do seu autor".


Estas nove pezas e figuras románicas, segundo explicou a Xunta, teñen unha cronoloxía comprendida entre os anos 1188 e 1211. Na actualidade, atópanse tanto en mans particulares como custodiadas en institucións públicas, no Museo da Catedral de Santiago ou o Museo de Pontevedra.


Neste sentido, a Xunta lembrou que a declaración dun ben como BIC é un recoñecemento de valor cultural "que non afecta á súa titularidade" pero cuxos propietarios teñen "o deber de habilitar un mínimo de catro días de visita ao mes".


PROPIEDADE "IRREGULAR OU ILEGAL"


En novembro, o Concello de Santiago denunciou pola vía civil á filla do ditador Francisco Franco, Carmen Franco, pola propiedade "irregular ou ilegal", en palabras do rexedor da capital galega, Martiño Noriega, das estatuas de Abraham e Isaac de Mestre Mateo.


Ademais, o alcalde asegurou que o Consistorio incorporara "toda a documentación que demostra que o Concello é o lexítimo propietario das dúas pezas, adquiridas ao Conde de Ximonde en 1948".


Coa morte de Carmen Franco o pasado 29 de decembro, a demanda pasou a mans dos seus fillos. Neste sentido, Noriega apuntou que seguirían con esta acción "reivindicativa de recuperación dun patrimonio público que foi usurpado pola familia Franco".


relacionada Admitida a trámite a demanda para recuperar as estatuas de mans da Familia Franco
relacionada Ultimato para que os Franco devolvan as estatuas do Mestre Mateo

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress