Liberada unha persoa tras unha saída de vía en Vigo e outras dúas resultaron feridas
Unha vez no lugar, os efectivos de emerxencias tiveron que empregar o material de excarceración para liberar a unha das persoas ocupantes do turismo.
Unha persoa foi liberada ao quedar atrapada nun vehículo que sufriu unha saída de vía en Vigo. Ademais, outras dúas persoas resultaron feridas e foron trasladadas ao centro hospitalario de referencia.
O 112 Galicia tivo constancia do accidente ás 19.15 horas a través de varias chamadas de particulares que alertaban dunha saída de vía dun turismo que impactara contra a mediana no quilómetro 4 da AP-9V, ao seu paso por Teis. Entón, os alertantes indicaban que existía a posibilidade de que houbese persoas atrapadas no interior do vehículo.
A continuación, a sala de operacións informou aos Bombeiros de Vigo. Unha vez no lugar, os efectivos tiveron que empregar o material de excarceración para liberar a unha das persoas ocupantes do turismo.
Tamén acudiu o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que trasladou aos dous feridos ao centro hospitalario de referencia. No operativo participaron os axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local.
Escribe o teu comentario