Esteban Ares remplaza a Teresa Villaverde como novo alcalde de Lousame
A até agora rexedora renuncia por motivos persoais tras trece anos de goberno.
Esteban Ares, do PPdeG, é desde este xoves o novo alcalde de Lousame (A Coruña) despois da renuncia da até agora rexedora, Teresa Villaverde, da mesma formación, que renuncia por motivos persoais.
Tras a sesión extraordinaria celebrada nesta xornada, o número dous da lista nos últimos comicios, Esteban Ares, púxose á fronte da Alcaldía, nun pleno con presenza do presidente do PP provincial, Diego Calvo, e do secretario provincial, Evaristo Ben.
Fíxoo cun discurso no que manifestou que asume esta responsabilidade con "humildade e vocación de servizo público" coa intención de "escoitar aos veciños". "Lousame abre unha nova etapa de continuidade e de renovación", en referencia ao legado recibido e a forma de traballar nesta etapa.
Tamén asegurou que traballarán para que o municipio sexa un referente en distintos ámbitos mentres que destacou o "listón alto" que deixa a alcaldesa. Todo co obxectivo de "continuar co traballo" iniciado por ela.
Entre os obxectivos que se fixou Villaverde tras o pleno de investidura estaba acondicionar núcleos rurais, acometer melloras nas infraestruturas ou estender a cobertura de redes móbiles e levar a fibra 5G a todo o territorio municipal, entre outros.
Escribe o teu comentario