O PP está preocupado pola mina de Touro, din os críticos tras reunir cos conservadores
A Plataforma Mina de Touro - O Pino Non selñala que os conservadores lles transmitiron a súa inquietude polo proxecto de Atalaia Mining, aínda que tamén defenderon que a Xunta -administración que gobernen- aprobase a súa consideración de proxecto estratéxico.
Esta mañá, no Parlamento de Galicia, os deputados do Partido Popular Gonzalo Tremor, portavoz de Medio Ambiente, e Rubén Lorenzo, portavoz de Industria e Enerxía, recibiron a unha delegación de cinco membros da Plataforma Veciñal Touro-O Pino MINA NON. Durante o encontro, os representantes veciñais expresaron a súa inquietude ante a posible reapertura da mina de cobre na zona.
Na reunión, de acordo á versión dos activistas, os deputados do PP tentaron xustificar a declaración do proxecto como de interese estratéxico por parte a Xunta e expresaron a súa preocupación polo asunto. Os políticos aceptaron considerar a posibilidade de visitar a zona da mina, aínda que sen comprometer nin establecer unha data concreta. A entrevista, que durou 45 minutos, transcorreu nun clima de cordialidade pero sen concrecións sobre acordos ou medidas a tomar, lamenta a Plataforma.
Declaración de interese estratéxico e antecedentes do proxecto
O proxecto da mina de Touro, promovido por Cobre San Rafael (unha sociedade formada por Atalaia Mining e Explotacións Galegas), foi declarado estratéxico pola Xunta de Galicia, onde goberna o Partido Popular -de aí a importancia do encontro de hoxe-, a pesar das controversias administrativas e sociais.
Este plan busca reabrir a mina de cobre nos municipios de Touro e O Pino, cun investimento previsto de 200 millóns de euros, a promesa de creación de até 1.600 empregos directos e indirectos, e un impacto económico estimado polas mineiras en máis de 2.000 millóns de euros.
Aínda que se presenta como un modelo de minería sostible e comprometida co medio ambiente, o proxecto enfronta críticas por incumprimentos nos procedementos administrativos e a oposición de colectivos ecoloxistas e veciñais, como o que se reuniu co Partido Popular este mércores.
Preocupacións ambientais e sociais
Os veciños destacaron os riscos que implicaría vivir a escasos 200 metros dunha balsa de residuos tóxicos de 80 metros de altura, 3 quilómetros de lonxitude e 125 hectáreas de superficie. Así mesmo, sinalaron o impacto negativo que unha industria contaminante podería ter nunha comarca próspera como a de Arzúa, que conta con granxas que suman máis de 35.000 cabezas de gando, das cales máis de 13.000 atópanse nos municipios afectados. Estas explotacións son o sustento de numerosas familias dedicadas á agricultura.
Ademais, subliñaron a proximidade do Camiño Francés de Santiago, que discorre a apenas 2 quilómetros da mina ao descuberto. Os veciños temen que as explosións constantes, o aire contaminado e o po en suspensión poidan afectar negativamente aos peregrinos e ao turismo na comarca, que é o seu principal motor económico.
Próximas accións da plataforma veciñal
Mañá, 30 de xaneiro, penúltimo día do período de alegacións, a Plataforma Veciñal Touro-O Pino MINA NON establecerá unha mesa informativa e de recollida de alegacións na Praza de Abastos de Santiago. Os veciños consideran que, cun proxecto practicamente idéntico ao anterior, xa rexeitado polo Goberno galego, non debería ser declarado de interese estratéxico nin contemplar a súa aprobación pola Xunta de Galicia.
A mineira pola súa banda alega que é un proxecto novo, non un copia e pega do anterior.
A proposta de reabrir a mina de cobre en Touro -municipio onde o PP perdeu a alcaldía despois de moitos anos en parte debido ao seu apoio á mina- segue xerando un amplo debate na sociedade galega, con opinións divididas sobre os presuntos beneficios económicos e os posibles prexuízos ambientais e sociais que levaría a reapertura da mina. A decisión final da Xunta será determinante para o futuro da comarca e os seus habitantes.
Escribe o teu comentario