Incendio arrasa o restaurante do cámping Valverde en Corrubedo, Ribeira
Máis de catro horas estiveron os bombeiros loitando contra as chamas esta noite e conseguiron que finalmente o lume non consumise outras zonas do cámping como os bungalows. Con todo non puideron impedir que o lume calcinase por completo o restaurante do establecemento ante os ollos dun afectado dono.

Un restaurante ardeu en Ribeira (A Coruña) sen causar danos persoais, aínda que as instalacións, construídas en madeira, queimáronse ao completo.
As alertas sobre este incendio entraron na central telefónica do 112 Galicia moi preto das dúas horas da madrugada deste martes a través de distintas canles. Ademais de particulares, que estaban pola zona e foron testemuñas da situación, os xestores do 112 tamén recibiron un aviso da Policía Local, indicando que ardía un restaurante dunha zona de acampada do lugar de Vos Agueiros, na parroquia ribeirense de Olveira.
O 112 coordinou un operativo que contou coa intervención dos Bombeiros de Boiro e de Ribeira, así como da Garda Civil e da Policía Local e Nacional. Ademais, avisouse tamén ao persoal do distrito forestal da zona, ben como á empresa subministradora de electricidade e tamén aos membros de Protección Civil de Ribeira.

Os servizos de extinción encargáronse de controlar e apagar as lapas, que queimaron por completo o establecemento hostaleiro. Ao fío das 5:30 horas deron por finalizadas as tarefas de arrefriado do local, aínda que indicaron a posibilidade de seguir revisando ás instalacións ao longo deste martes.
INCENDIO NUN SILO
Doutra banda, os bombeiros de Carballo extinguiron un incendio que tivo lugar nun silo dunha fábrica de materiais de construción localizada no Polígono de Lendo, no concello coruñés da Laracha, sen que se rexistrasen danos persoais.
O sinistro comezou sobre as 22:20 horas da noite do luns, tal e como indicou unha persoa particular que alertou mediante unha chamada ao 112 Galicia. Durante a súa comunicación, indicaba que, cando se desprazaba pola AG-55, viu como saía fume dunha fábrica da zona.
Con esa información, os xestores do 112 pasaron aviso aos Bombeiros de Carballo, á Garda Civil, ao servizo de mantemento das estradas e, como medida de precaución, tamén ao equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aínda que non foi precisa a súa intervención.
O equipo de extinción fixo fronte ao incendio, que consumiu o carbón almacenado nun silo exterior.
O 112 tamén informou do ocorrido ás autoridades medioambientais da Xunta de Galicia e aos efectivos de Protección Civil da localidade.
Escribe o teu comentario