Luís Pérez (BNG de Ribeira): "Un tamayazo? Se alguén cambia o seu voto terá que explicar que intereses houbo detrás"

O futuro alcalde de Ribeira e membro do Consello Nacional do BNG atende a Galiciapress despois de alcanzar un acordo histórico cos socialistas e os independentes de PBBI.

 


|

Ribeira é un dos poucos concellos que aínda non ten constituído o seu novo goberno municipal. Unha decisión da xunta electoral de Noia evita por agora a investidura de Luís Pérez Barral (Ribeira, 1990), que será o primeiro alcalde nacionalista do municipio ribeirense despois de 36 anos de gobernos conservadores.

 

Galiciapress entrevista ao futuro alcalde antes da súa investidura, que terá lugar o 7 de xullo e que será posible grazas ao acordo alcanzado entre o BNG, o PSOE e o Partido Barbanza Independente, que permitiu a alcaldía de Manuel Ruíz Rivas no pasado pero que agora vetou ao rexedor popular, que integrará as listas ao senado. 

 

As negociacións para formar ese tripartito, a posibilidade hipotética dun "tamayazo", os resultados do BNG no conxunto autonómico ou o proxecto que busca desenvolver en Ribeira, algúns asuntos da conversación.

 

Luis perez bng
Foto: BNG de Ribeira

 

Vostede ten 33 anos. É aínda moi novo, pero nese tempo, e como moitos veciños, non coñeceu nin un só goberno municipal que non fose conservador en Ribeira. Que significa para vostede romper con esta tendencia?

É unha ilusión tremenda poder ser a primeira persoa que vaia encabezar un goberno diferente ao da dereita nos últimos 36 anos de maneira ininterrompida. Hai moitos veciños e veciñas que estaban a esperar con esperanza e ilusión ese cambio, e así mo están transmitindo na rúa nos últimos días. 

 

Como foron as negociacións co PSOE e o Partido Barbanza Independente? Pode haber boa sintonía na lexislatura?

Creo que si, porque as negociacións foron moi boas e chegamos a un acordo de goberno onde a colaboración vai ser moi estreita. Imos actuar como un equipo unido e así está presente nas liñas de traballo, nos compromisos e na estrutura de goberno. De feito, quero agradecer a xenerosidade dos tres grupos políticos que asinan este acordo e creo que a colaboración vai ser honesta, leal e transparente, porque imos interpor os intereses dos veciños por enriba de todo.

 


No pacto asinado hai tamén un oco para evitar posibles tránsfugas ou rupturas de goberno. Até que punto teme esa posibilidade?

Non a temo. As persoas teñen que ser serias á hora de dar a súa palabra. Confío plenamente en que se cumpra o asinado e realmente esa é unha cláusula de salvagarda do acordo e para que os veciños e veciñas de Ribeira poidan confiar na nosa palabra e compromisos.

 

O Partido Barbanza Independente puña como condición ao PP para negociar outro goberno popular que Manuel Ruiz Rivas non podía ser o alcalde. Finalmente, Ruiz Rivas irá nas listas ao Senado, algo que se anunciou pouco antes da firma do acordo. Algúns poden pensar que sobrevoa a posibilidade dun “tamayazo”.

En primeiro lugar, non podemos normalizar o que é a corrupción. Corrupción na compra de vontades para tentar que as persoas que conseguimos chegar a un acordo de entendemento, de diálogo, que representa unha pluralidade de ribeirenses moito maior que unha lista única na que os veciños castigaron nas últimas eleccións non dando ao PP os votos suficientes para poder gobernar, que se queira alterar esa posibilidade de cambio mediante estratexias corruptas e poucas éticas. 

 

Creo que si hai algunha persoa que no último momento decide cambiar o seu voto terá que explicarlle á cidadanía de Ribeira que intereses houbo por detrás, porque non foron os intereses xerais dos veciños. En calquera caso: estou tranquilo. Creo que non vai pasar e que isto non é máis que o ruxe-ruxe habitual dunha espera dunha investidura que ao final se tivo que aprazar. 

 

“QUE A XENTE VEÑA Á DORNA, PERO QUE TAMÉN VAIAN A VOTAR”

O 28 de maio non só deixou cambios en Ribeira. O BNG logrou resultados históricos no conxunto de Galicia, con alcaldías nacionalistas en dúas das sete cidades e sendo chave de goberno noutras dúas. Que lecturas fai destes comicios? Poden ser un bo termómetro para as próximas autonómicas? 

Creo que si. O BNG experimentou unha subida importante nas municipais e á vista están os resultados. Non só estamos a gobernar en máis concellos que en 2019, senón que imos ir a por todas nos xenerais do 23 de xullo. Creo que ademais os gobernos municipais do BNG imos contribuír a que Galiza teña esa voz propia nas cortes do Congreso e aspiramos a ter un grupo galego forte en Madrid que poida defender os intereses dos veciños de Ribeira e tamén de todos os galegos e galegas. 

 

E na liña desas xerais, que podemos esperar nestes meses? Por certo: coinciden coa Festa da Dorna…será iso un problema?

Esperamos que Galiza teña un grupo galego forte, porque estivo á vista de todos que cun só deputado o BNG conseguiu máis logros e máis avances para Galiza que calquera dos outros grupos do Partido Popular e o Partido Socialista xuntos. Ter un grupo parlamentario forte en Madrid vai permitir que se visibilice que Galiza ten demandas históricas e que o Estado se ten que comprometer a resolvelas.

 

Sobre a Dorna? Creo que os mozos son un factor chave nestas eleccións e fago un chamamento a que, ademais de que a xente veña a Ribeira a pasalo ben nas Festas da Dorna, o 23 de xullo voten e poidan facelo para que teñamos representantes con voz propia en Madrid. 

 

 

Se atendemos aos concellos de Arousa Norte vemos tamén que vai haber moitos cambios nas investiduras. En Rianxo o BNG perdeu o goberno, o PSOE alcanzou a maioría absoluta en Boiro e na Pobra o PP necesita só un voto para desbancar ás mareas de Nós Pobra. As políticas supramunicipais deberían marcar tamén os próximos anos de goberno, non?

Estamos condenados a entendernos. Non nun mal sentido, senón que hai que ter unha colaboración mutua cos concellos do Barbanza. Estamos a colaborar en temas turísticos na mancomunidade Arousa-Barbanza e creo que deberiamos ir máis aló. Mesmamente, o Concello de Ribeira está disposta a compartir entre os concellos da zona a canceira municipal que temos, pero temos que estudar que outros servizos se poden desenvolver de maneira comarcal. Creo que é a mellor maneira de desenvolver sinerxías positivas entre os concellos que conformamos A Barbanza. 

 

VIVENDA, EMPREGO, CRIMINALIDADE…

Eu son veciño da Pobra e unha das cousas que me preocupa é ver como a miña vila se está convertendo case por completo nun municipio feito máis para os turistas que para os veciños. Imaxino que moitos ribeirenses perciben o mesmo. Como evitar esta turistificación? 

Queremos desenvolver un turismo diferente, un turismo que xere un impacto positivo na economía local mediante o consumo e as pernoctaciones nos establecementos hoteleiros de Ribeira. Temos que desestacionalizar o turismo de sol e praia soamente no verán. Contamos cunha ría marabillosa, polo que temos desenvolver deportes náuticos, turismo de montaña…turismo activo, onde a visita da contorna dunha maneira respectuosa, porque recordo que temos un Parque Nacional das Illas Atlánticas con Sálvora e o Parque Natural de Corrubedo cun ecosistema de flora e fauna espectacular. Temos que potenciar todo isto para que veñan visitantes ao longo de todo o ano. 

 

Máis aló diso, temos que favorecer as políticas de vivenda para evitar a proliferación exclusivamente de vivenda turística. Queremos que os mozos de Ribeira e da Barbanza poida vir vivir, traballar e desenvolver o seu proxecto de vida aquí. 

 

Outra dificultade que atopan moitos veciños é xusto no relativo á vivenda. Xa de seu os prezos dos alugueres son altos, pero si a isto sumamos que moitos non permiten contratos anuais, senón que utilizan os pisos para alugalos no verán aos turistas, a dificultade é aínda maior. Que pode facer un goberno local como o de Ribeira para reverter esta situación?

Eu mesmo vivin iso mesmo, unha persoa de 33 anos que tivo algunha dificultade para atopar un aluguer estable ao longo de todo o ano. Efectivamente, ofrecen alugueres de setembro a xuño para despois alugar aos visitantes. 

 

Que podemos achegar? Podemos pór chan á disposición da Xunta para que poida construír vivendas de protección oficial en réxime de aluguer con prezos alcanzables. Outra das medidas que pensamos é favorecer unha bolsa de aluguer dando facilidades para que as persoas que teñen pisos que non están habitados poidan facelo pero para alugueres anuais, non só para os mozos senón para a poboación en xeral. 

Eu mesmo vivin ismo mesmo, unha persoa de 33 anos que tivo algunha dificultade para atopar un aluguer estable ao longo de todo o ano

 

Un dos temas que máis preocupa aos veciños de Ribeira é o repunte da criminalidade que vén experimentando nos últimos meses. Ben é certo que non se está dando só no municipio, senón que é algo que estamos a ver noutros puntos da xeografía galega. Que facer para combater este repunte?

Ademais de pedir máis efectivos para a nosa comisaría de Policía Nacional ou tentar sacar as vacantes que hai na Policía Local debemos ir máis aló, á raíz do problema. Temos que colaborar coas entidades sociais e educativas para concienciar aos mozos deses problemas que están a xerar as adiccións. Neste sentido, temos que facer moita pedagoxía coa mocidade, coa poboación que padece este tipo de adiccións, e temos que traballar tamén para evitar esas adiccións que ao final son o foco dun problema que se está xeneralizando no noso concello, como é ese repunte da criminalidade, problemas co tráfico de estupefacientes e demais. 
 

Isto que di entronca co feito de que a ría parece que volve ser a porta de entrada da droga en Europa. Ribeira, ao ser un municipio tan grande, parece ser un dos puntos quentes nese senso. 

Non sei si é a porta de entrada. O que temos que facer desde os gobernos locais é favorecer políticas que eviten ese consumo de drogas e no Concello de Ribeira imos contribuír na unidade de drogodependencia e colaborar con outras entidades sociais que traballan nese campo para evitar ese consumo que ao final xera problemas nas familias e a nivel social. Pero máis aló desa alarma social quero reivindicar que Ribeira é un bo sitio, seguro, e máis aló deses repuntes puntuais é unha cidade onde a convivencia é extraordinaria.
 

 

O acordo asinado entre as tres forzas fala de fomentar o emprego e impulsar sectores estratéxicos como o mar. Sen dúbida o pesqueiro e conserveiro son o gran motor económico da zona, pero mesmo este sector vive horas difíciles con baixadas da actividade. Que liñas traballaran para axudar a atraer máis industrias a Ribeira? 

A primeira tarefa que imos a implementar en canto cheguemos ao goberno é crear esa Concellaría do Mar para que os afectados por políticas moi restritivas que se están facendo desde a Unión Europea poidan ter un interlocutor ao que dirixir e trasladar as súas inquietudes e preocupacións para que nós poidamos trasladarllo á Xunta e ao Goberno de España. Cremos que temos que aumentar o diálogo con Portos de Galicia para que os nosos peiraos teñan un mellor mantemento, unha mellor seguridade, pero tamén para que o porto de descargas poida recuperar esa actividade que foi perdendo nos últimos anos. 
 

 

Queremos potenciar a lonxa de Ribeira como o corazón e motor económico do mar no municipio e imos estar en permanente contacto para mellorar todo o que se poida esa lonxa e que se atraian máis descargas. Ademais, tanto desde o BNG como desde o PSOE temos representación no Parlamento Europeo e alí temos que desenvolver políticas que sexan positivas para os intereses pesqueiros, porque as políticas dos últimos anos o que fixeron foi subvencionar o despezamento de barcos, e sabemos que iso é diñeiro para hoxe pero fame para mañá. Temos que potenciar este sector, que teña relevo xeneracional e desenvolver políticas que volvan situar a este sector como vangarda do municipio, porque achega unha parte importante da nosa economía, case un terzo do noso PIB. 

 

Luu00eds pu00e9rez barral
Foto: BNG de Ribeira

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE