O SERGAS segue adxudicando a dedo á sanidade privada obviando ano tras ano ao Consello de Contas
O ente oficial que fiscaliza os números da Administración leva anos advertindo que Sanidade pasa de aplicar a lei de contratos en gran parte dos concertos e encargos a entidades privadas como Povisa. Onte volveuno facer. Está por ver si esta vez fanlle caso.
O Consello de Contas de Galicia volveu a acender o sinal de alarma sobre a forma en que o Servizo Galego de Saúde (#Sergas) xestiona a súa relación coa sanidade privada concertada. No seu último informe de fiscalización da Conta Xeral do Sergas correspondente ao exercicio 2024, o organismo fiscalizador constata que o Sergas persiste en utilizar autorizacións de uso temporal para adxudicar directamente servizos sanitarios a entidades privadas, eludindo os principios de concorrencia, publicidade e igualdade de trato que esixe a lexislación de contratos públicos. Non se trata dunha advertencia nova: o informe sinala que este defecto xa foi identificado en exercicios anteriores e, con todo, continúa sen corrixir.
A práctica cuestionada consiste en acudir a unha figura xurídica —a autorización de uso temporal— que debería reservar para situacións excepcionais e transitorias, pero que o Sergas emprega de maneira sistemática para formalizar contratacións que, segundo o Consello de Contas, carecen das notas de excepcionalidade e temporalidade que deberían xustificala. A isto engádese que, ao obviar as canles establecidas na Lei de Contratos do Sector Público (LCSP), estas adxudicacións non contan co preceptivo expediente de contratación, o que deixa sen rastro administrativo as decisións de gasto.
O volume económico en xogo non é menor. En 2024, o Sergas destinou 249,5 millóns de euros á prestación de servizos sanitarios con medios alleos, un 2,9% máis que no exercicio anterior, o que supón o 4,5% do gasto total do organismo. Esta cifra creceu de forma sostida desde 2020, cando se situaba en 209 millóns, aínda que o seu peso relativo no conxunto do orzamento sanitario galego mantívose estable nese mesma porcentaxe ao longo dos últimos cinco anos.
Povisa, co 35% do gasto concertado e un 3% de incremento nos últimos cinco anos
A distribución xeográfica do gasto revela unha notable concentración nas provincias da Coruña e Pontevedra, que acumulan o 81% do total. A cantidade que o SERGAS paga polo convenio a Rivera Salud, matriz de Povisa, creceu notablemente nos últimos anos. Así, en 2019 eran 78 millóns e agora son 87,7. Por tanto, en cinco anos creceu un 3%.
Povisa atende, aproximadamente, a 111.000 cidadáns con cartón sanitario do SERGAS. Nos últimos anos recibiu críticas pola falta de médicos nalgunhas especialidades.
A área Sanitaria de Vigo, que por si soa absorbe o 45% do gasto concertado de todo o Sergas, unha cifra directamente ligada ao peso do concerto co Hospital Povisa. Esta entidade privada recibiu 87,7 millóns de euros en 2024 —o 35% do gasto total en medios alleos—, dos cales 85 millóns derivan do contrato para a prestación de asistencia sanitaria especializada a beneficiarios da Seguridade Social protexidos polo Sergas.
O gasto concertado distribúese en varias categorías orzamentarias. Os concertos con institucións de atención especializada son a partida máis elevada, con 152,6 millóns de euros, seguida polo programa especial de transporte sanitario, que alcanzou os 37 millóns cun rechamante incremento do 20% respecto ao ano anterior. Os concertos de hemodiálisis sumaron 29,3 millóns e os de centros de diagnóstico e tratamento, 21,6 millóns. O resto de servizos de asistencia sanitaria representaron 8,9 millóns adicionais.
Máis aló das autorizacións de uso temporal, o informe do Consello de Contas detecta outra práctica preocupante: até o 10% do gasto total recoñecido no artigo orzamentario correspondente a medios alleos tramitouse a través de documentos ADOK, un soporte que podería corresponder á figura do contrato menor ou mesmo a servizos que quedaron completamente fóra de calquera marco regulamentario de contratación.
O organismo fiscalizador advirte ademais de que se recorreu ao fraccionamiento de importes para dar cobertura a estas operacións, en lugar de tramitar o procedemento correspondente ou modificar os contratos existentes.
Sen resposta do Sergas
Esta fractura entre a práctica administrativa e o marco legal de contratación non é un fenómeno illado. O Consello de Contas lembra que a normativa aplicable a estes contratos —o artigo da LCSP relativo aos contratos de servizos ás persoas— establece con claridade as condicións que deben cumprir para adxudicar servizos sanitarios. A reiteración dos mesmos defectos en sucesivos informes anuais suxire que as recomendacións do organismo fiscalizador non se traduciron en cambios efectivos nos procedementos do Sergas.
Xa en 2022 o Consello de Contas criticabas "o uso indiscriminado" de "contratos a dedo" (adxudicacións directas) "sen concorrencia, nin publicidade e igualdade de trato" para concertar servizos coa sanidade privada. Lido o lido no informe publicado onte por Contas, non parece que na Consellería de Sanidade estean a facerlle moito caso ao ente oficial que fiscaliza as contas.
O Sergas e a Xunta de Galicia non se pronunciaron publicamente sobre as conclusións do informe no momento de publicación desta información.
O Consello de Contas, como órgano de control externo da actividade económico-financeira da Xunta, publica periodicamente estes informes de fiscalización co obxectivo de garantir a transparencia e a legalidade no uso dos recursos públicos. As súas recomendacións, aínda que non son vinculantes, teñen un valor institucional relevante e serven de referencia para o control parlamentario da acción do Goberno galego.
Dáse a circunstancia de que Contas non pode impor sancións nin denunciar nos xulgados. O único que pode facer é remitir as conclusións á Fiscalía -algo que nunca fai- ou ao Parlamento.
Escribe o teu comentario