A Xunta pecha outra residencia: San Gabriel, de Xinzo
A Xunta de Galicia pechou en menos dun mes dúas residencias de maiores na provincia de Ourense, unha situación inédita en décadas.
O último peche afectou á Vivenda Comunitaria San Gabriel, situada en Xinzo de Limia, onde a Consellería de Política Social detectou graves deficiencias nos coidados, irregularidades alimentarias e un exceso de residentes respecto da capacidade autorizada.
Segundo informou o departamento autonómico, o centro só estaba autorizado para dez prazas, pero acollía quince persoas, algunhas delas con graos de dependencia superiores aos permitidos para este tipo de instalacións. Os inspectores constataron que a atención sanitaria e a alimentación eran inadecuadas, polo que a Xunta decidiu ordenar o peche inmediato e trasladar aos usuarios a prazas públicas próximas, co apoio da Cruz Vermella, para garantir a súa seguridade e benestar. Catorce están noutras residencias públicas da contorna e unha persoa volveu coa súa familia.
Este é o segundo peche en Ourense en poucas semanas. A comezos de outubro, a Xunta clausurou a residencia Xardín de Amoeiro, tamén de xestión privada, tras unha inspección que revelou faltas graves no coidado dos maiores, irregularidades laborais e deficiencias hixiénico-alimentarias.
A Fiscalía Superior de Galicia abriu dilixencias para determinar posibles responsabilidades penais ou administrativas. Neste caso, o peche produciuse despois de que a Policía Nacional interviñese por unha denuncia presentada en Estranxeiría, que destapou a presenza de persoal sen formación e sen documentación legal atendendo aos anciáns. Só atoparon a un cidadán colombiano sen papeis coidando dunha ducia de anciáns.
O caso de Amoeiro foi especialmente polémico porque os inspectores da Xunta visitaran o centro semanas antes, sen detectar irregularidades para pechar o centro. Agora, a oposición reclama explicacións sobre a xestión das inspeccións e a falta de reacción ante as denuncias internas que xa advertían dos problemas do centro, onde algúns residentes estaban a pasar fame.
.Diversas fontes do sector denunciaron tamén que estas situacións reflicten unha deterioración xeneralizada nas residencias privadas, onde a falta de persoal cualificado e os salarios baixos son un problema estrutural.
Traballadores e sindicatos levan meses reclamando un novo convenio autonómico e máis control público sobre as condicións laborais nos centros xeriátricos, mentres apuntan á Xunta por unha política de inspección débil.
Escribe o teu comentario