Rusia tamén "invade" augas galegas: a fragata Shtandart viola as augas territoriais españolas
O barco esta facendo un trazado rumbo ao Estreito penetrando en territorio español.
Con media Europa coa vista no ceo polas cada vez máis constantes incursións de aparellos rusos en espazo aéreo de Estados pertencentes á OTAN, como Polonia ou Estonia, agora é a vía marítima a que inquieta noutros lugares como España, onde foi avistado o buque ruso Shtandart, unha fragata que non ten acceso a portos da Unión Europea como ordenou o Tribunal Xeral.
PASO POR GALICIA
Este buque escola, réplica dun navío do S.XVII, trazou unha ruta desde Francia e pasou ante A Mariña lucense ou a ría de Ferrol, entrando en augas baixo dominio español. A plataforma 'Non Shtandart In Europe' advirte que este feito supón unha "violación das augas territoriais".
O buque ruso, baixo sancións, viaxa baixo pavellón das Illas Cook. A organización, en cambio, considera que as actividades do barco "presentan numerosas similitudes coas dos buques da “flota pantasma” rusa". Non é a primeira vez que fondea na comunidade galega, de onde foi expulsado o pasado ano.
"Resulta evidente que o seu capitán e propietario de feito, Vladimir Martus, tenta novamente pór a proba a solidez das sancións europeas e a determinación de España de facer respectar as súas propias decisións", esgrimen desde o colectivo, que aventura a posibilidade de que pidan entrada en portos españois alegando motivos humanitarios.
O contexto, con todo, é moito máis espiñento. Desde o propio Shtandart negan calquera vinculación co Goberno de Putin e dinse, mesmo, obxectivo do Kremlin. "O noso barco e a tripulación nunca foron parte de ningunha propaganda rusa. De feito, o barco e a súa tripulación foron efectivamente prohibidos en Rusia por persoas próximas a Vladimir Putin fai 10 anos. STS Shtandart nunca entrou en augas territoriais rusas desde entón, sendo obrigado a vivir no exilio", declarou a Galiciapress o capitán Vladimir Martus alá por 2022, cando comezou a guerra en Ucraína.
As protestas de refuxiados ucraínos e as tensións existentes neste momento con Rusia na UE e a OTAN poden facer máis difícil a travesía do Shtandart e a súa tripulación, que se dirixe, aparentemente, cara ao Estreito de Xibraltar.
Escribe o teu comentario