Protesta de 'Docentes con Palestina' este 12 de abril en colexios galegos contra o "xenocidio" en Gaza
O sindicato de profesores anima aos centros a participar nesta mobilización contra a guerra na Franxa de Gaza.
Onte cumpríronse seis meses do inicio dun novo capítulo da interminable guerra entre Israel e Palestina. O ataque de Hamás en territorio israelí desembocou nun conflito armado no que o exército sinoista actuou de forma desapiadada contra a poboación civil e contra os cooperantes humanitarios. As vítimas cóntanse por decenas de miles, entre elas moitos nenos e nenas asasinados polas forzas israelís. Neste clima, son cada vez máis as voces que piden un cesamento do fogo inmediato, entre eles o Sindicato de Traballadoras e Traballadores de Ensino de Galiza (STEG), que promove protestas esta semana en centros da comunidade.
Despois de varias actuacións durante estes meses, entre elas o encontro organizado por STEG coa participación de Sami Ashour -presidente da Fundación Galaico Arabe Jenin-, varios docentes de distintas sensibilidades sindicais articularon un grupo de traballo, 'Docentes con Palestina', do que forman parte uns cantos mestres e que organizou unha protesta para o próximo 12 de abril ás 12 horas en centros educativos de toda Galicia, coa lectura dun manifesto conxunto contra a guerra en Oriente Próximo.
"É un momento propicio para falar cos estudantes da necesidade de pór fin ao xenocidio, da necesidade da paz e da solidariedade internacional", manifesta o sindicato, á vez que apunta que a comunidade educativa "non pode permaner impasible ante a masacre da poboación civil que está tendo lugar en Palestina".
A campaña xa está a ter unha importante difusión en redes sociais animando a todos os centros -tamén a nivel estatal e europeo- a sumar ás protestas, que se desenvolverán nos centros educativos coa participación dos estudantes e os docentes, onde reclamarán de maneira conxunta "que se pare a masacre en Palestina".
Escribe o teu comentario