Dan por extinguido o incendio provocado de Crecente que calcinou 170 hectáreas
O alcalde de Crecente manifestou onte que, polas características do incendio, que se iniciou con tres focos activos, todo apunta á súa intencionalidade.
O incendio forestal declarado no municipio pontevedrés de Crecente, na parroquia de Angudes, quedou extinguido ás 13,50 horas deste mércores despois de arrasar 170 hectáreas (160 de monte arboledo e 10 de monte raso).
Diso informa nun comunicado a Consellería de Medio Rural, que apunta á "clara intencionalidade" do lume ao iniciar na tarde do pasado luns en tres focos simultáneos.
Neste sentido, o alcalde de Crecente, Xullo César García-Luengo, tamén asegurou o pasado martes a Europa Press que "non hai ningunha dúbida" de que o incendio iniciado en tres focos diferentes no municipio "foi intencionado".
Nos labores de extinción participaron: catro helicópteros, dous avións, 27 motobombas, dúas pas, 55 brigadas, 30 axentes, tres técnicos e dúas pas.
En concreto, este lume é o segundo de maior superficie queimada no que vai de 2024 en Galicia, por detrás das 190 hectáreas queimadas polo incendio de Trabada (Lugo) que tivo lugar en febreiro.
Escribe o teu comentario