Lores, alcalde de Pontevedra: "En 20 anos de médico nunca se foi ninguén da miña consulta sen ser atendido"

Galiciapress conversa con Miguel Anxo Fernández Lores (1954), médico e alcalde de Pontevedra desde 1999 como parte da súa serie de entrevistas con alcaldables nas eleccións de primavera.

 

 


|

O rexedor da Boa Vila desde fai 24 anos enfróntase en maio a uns novos comicios coa aspiración de repetir  e manter a tendencia ascendente dos nacionalistas.

 

Nesta conversación con Galiciapress (parte da serie de entrevistas con candidatos que empezou a pasada semana coa entrevista á alcaldable do PP en Vigo, Marta Fernández Tapias, e co rival socialista de Lores, Iván Puentes), debulla a súa proposta  para unha Pontevedra na que "quedan moitas cousas por facer". 

 

O seu modelo de cidade, ligado ao respecto ao medioambiente, a loita contra o cambio climático ou a seguridade viaria, bate frontalmente con Ence, contra a que onte o Concello perdeu o litixio sobre a prórroga da concesión en Lourizán. Lores explicou a súa postura, antes do fallo do Tribunal Supremo, neste adianto da entrevista publicado o luns

 

A posible ruptura da alianza co PSdeG, as apostas do PPdeG na provincia para recuperar a Deputación ou o estado da sanidade pública ás portas da manifestación do 12 de febreiro, outros puntos desta charla. 

 

WhatsApp Image 2023 02 07 at 02.49.05
Miguel Anxo Fernández Lores antes da entrevista| Foto: Galiciapress

 

Igual lle dá un pouco de vertixe, pero cando vostede chegou á alcaldía eu só tiña 4 anos. Agora teño 28 e estouno entrevistando para a que pode ser a súa sétima reelección. 

Non, vertixe ningún. Tiña un fillo de 7 anos por entón. Agora ten 31.

 

Non lembrará o que é ter un pai que non é alcalde. 

Bo, teño catro fillos. O maior ten 41 anos. A verdade é que aos fillos dos alcaldes non lles renda isto, porque se non é por unha cousa ou outra… Nalgúns momentos pasárono mal.

 

Nunca me atopei mellor. Desde o punto de vista persoal, familiar…pero sobre todo político. Hai unha experiencia acumulada, un coñecemento da administración. Quedan moitas cousas por facer

 

Nota o peso dos anos ou queda Lores para moito máis?

Nunca me atopei mellor. Desde o punto de vista persoal, familiar…pero sobre todo político. Hai unha experiencia acumulada, un coñecemento da administración. Quedan moitas cousas por facer, con moita ilusión por seguir traballando por esta cidade nun marco galego, obviamente, e creo que estamos en condicións en dar un salto adiante no sentido en que avanzamos moito en moitas cousas nas que somos referentes a nivel mundial: medioambiente, loita contra o cambio climático, seguridade viaria, accesibilidade, modelo urbano… Até en economía circular. 


Cando formalicei a miña candidatura dixen que este era un proxecto para oito ou dez anos, porque non me gusta o curto prazo e os proxectos transformadores non se executan nun mandato. Sempre cunha visión de país, de futuro. Sempre digo que Pontevedra non ten límites, trátase dunha cidade que responde moi ben ás iniciativas que se presentan. Hai cidades que hoxe están a facer o que Pontevedra hai 20 anos. E faciámolo porque había unha iniciativa política do que queriamos para a cidade, un labor longo na oposición de 12 anos cun proxecto serio que activamos ao chegar á alcaldía…


E si bota a vista atrás, que ve?

Eu non me presento para vivir de rendas do que se fixo. E o que se fixo é moito e do que estamos moi orgullosos. Queda para a historia como unha das mellores da cidade. Iso está aí. O que queremos é aproveitar, con base ao xa feito, é dar un salto de calidade e excelencia a moitos niveis. Sobre todo ligado ao medioambiente, á calidade de vida, ás cidades de servizos, avanzadas. As cidades agora teñen que ver coas novas tecnoloxías, o medioambiente, cidades 4.0, creativas… Temos unha explosión de todo iso nesta cidade que debemos aproveitar. 

 

"Hai cidades que hoxe están a facer o que Pontevedra hai 20 anos. O que queremos é aproveitar, con base ao xa feito, é dar un salto de calidade e excelencia a moitos niveis."

 

O cluster do comercio electrónico ha decidido instalar en Pontevedra, con moitas empresas que se están adaptando á nova forma de venda online e outras que xa o fan dispostas a axudar a pequenas empresas a internacionalizarse. Levamos unha década con ’Pont-Up  Store’, con emprendedores noveis de toda Galicia cunha asociación de 150 empresas consolidadas que queren ter aquí a súa sede central para seguir avanzando. Temos esperanzas de que o cluster da comunicación tamén se instale aquí, vimos de asinar un protocolo con empresas da economía social…
 

Con todo o que me di, a súa visión parece afastada da crítica que nos facía Iván Puentes hai uns días, sobre unha cidade marabillosa para vivir pero algo “adormentada” e necesitada de recuperar dinamismo industrial. 

Para nada. Asimílase industria a Ence. E comprenderás que non é así. Queremos que se traslade, e temos todo o dereito do mundo. Sufrímola durante 60 anos e quérennos meter outros 60 máis. Ese non é o futuro das cidades, que trasladaron as empresas e recuperaron a súa contorna. Aí ten que haber opcións para pór polígonos industriais con factorías pesadas, e temos o dereito a recuperar a nosa ría, que é un activo que hai que pór en toda a súa extensión. 

 

Despois hai que considerar que aquí temos máis de mil traballadores contratados en Stellantis, ou Treves, ou Aludec…traballando no polígono da Reigosa, que iso nunca existiu aquí. Ou empresas como Setga que compite internacionalmente coa iluminación e o mobiliario urbano, gañando concursos en todo o mundo. É unha empresa punteira, como as nosas empresas de cristalería, ou Qbitia, ou Iconweb… Pero hai xente que non se decata. Temos unhas 50.000 persoas que traballan nesta cidade, que é sobre o 60% da nosa poboación. Poucas cidades teñen uns números tan bos sendo a cidade máis moza de Galicia, co recambio xeneracional máis grande, que crece desde 1999…

 

Nos últimos anos perdeu un pouco...

Pero como todas as cidades. Desde hai 20 anos Vigo ía pasar dos 300.000. Estancouse, igual que A Coruña. Lugo centralizou a poboación de toda a provincia e non pode crecer máis e ten un envellecemento da poboación brutal. Pero non é o noso caso. Crecemos, como creceu tamén Poio. O centro da cidade creceu un 30%. 

 

Pode ser ese o reto dos próximos catro anos? Manter esas cifras diferentes?

O noso reto é seguir sendo un referente internacional en aspectos vangardistas. Fálase de modelos urbanos, fálase dos datos da calidade do aire e somos os únicos que cumprimos os parámetros da OMS en Galicia, os únicos de España con Logroño, dúas cidades na Rede Cidades que Camiñan. Non hai semana que non nos chamen de medios internacionais, que non nos convoquen fose de España. Estiven hai pouco no Alentexo, e en Toulouse, chámannos para Parma… A DXT estivo aquí hai un mes coa súa reunión anual e felicitounos o seu director xeral como o exemplo a seguir. 

 

 

Pero queremos mellorar a calidade de vida en todo o concello. Se falamos de baixas emisións declaramos toda a cidade de baixas emisións. Porque entendemos que todos teñen dereito a ter calidade de vida no seu barrio. Utilizamos un método que é a restrición de tráficos innecesarios para que a cidade funcione e cumprindo parámetros. O que non imos é obrigar á xente a cambiar de coche porque non está o forno para bolos, para moitos é un luxo poder facer o cambio a híbrido ou eléctrico e a ver que futuro pode ter iso, porque aos 6 anos hai que cambiarlles a batería. Fan falta electrolineras, algúns domicilios teñen dificultades para cargar estes coches pola potencia e o consumo de luz… Se a xente non pode, non podemos forzalos. 

 

"Non imos obrigar á xente a cambiar de coche porque non está o forno para bolos, para moitos é un luxo poder facer o cambio a híbrido ou eléctrico e ver que futuro pode ter iso"

 

E canto máis pode afinar o tiro a cidade no plano medioambiental?

Hai moitas cousas nas que temos postas esperanzas e que teñen que ver con isto. Pero non chegamos a todos os sitios a pesar de levar 24 anos. Hai rúas que aínda temos que modificar na súa infraestrutura. En temas como a auga avanzamos moito: temos unhas perdas do 7%. A Axenda 2030 di que o máximo de perdas en sete anos ten que ser do 20%. Hai cidades que perden o 40, o 50 ou até o 60%. 

 

Queremos recuperar a ría, ver o monte periurbano a pleno rendemento cos parques forestaisdos últimos anos para que sexan rendibles e non sexan un risco para a calidade de vida dos veciños. Imos traballar máis cos residuos urbanos. Podemos cumprir coa lexislación vixente neste apartado cos bioresiduos, mentres que algunhas nin empezaron. Temos 3.000 ou 4.000 composteiros individuais nas parroquias, temos un despregamento de en torno ao 90% en todas as vivendas unifamiliares con compostoeros individuais, temos unha compostaxe dunha altísima calidade grazas aos mestres composteiros e a participación comunitaria… Hai moitos proxectos en marcha e somos un Concello saneado cunha xestión económica boa. Podemos pagar a débeda nun ano se queremos. Temos moitas posibilidades de mellorar e neste mandato acabamos no 98% de todas as vivendas do rural e o urbano conectadas ou a piques de conectar á rede de saneamento. É un investimento tremendo por levar todos estes servizos ao rural. Pero hai xente á que lle parece pouco…
 

“VAISE MANTER A ALIZAN CO PSDEG”

A semana pasada Pontes comentábanos que Lores era, posiblemente, “o mellor alcalde que tivera Pontevedra”, e destacou a súa figura sobre todo como a de “unha boa persoa” pero xa “falto de ideas”. Desde o Concello dixeron hai uns días que o PSdeG se equivoca de inimigo atacando ao BNG. 

En ocasións parece que ao ouvilos están escoitando ao PP. 
 

Este tipo de linguaxe son meras balas de fogueo entre socios de goberno ou están próximos a un divorcio que impida outro enlace tras as eleccións?

Vaise a manter. Nós imos mandar a nosa mensaxe. O que quero é que os resultados das próximas eleccións sirvan para seguir traballando por esta cidade. Con tal de que poidamos seguir traballando por Pontevedra, moi a gusto ademais, a min váleme. Serán os cidadáns os que decidan. Aquí todo o mundo quere ser alcalde e di que vai sacar a alcaldía…, pois moi ben. Sabemos que vai ser unha campaña dura e que xa utilizaron de todo, seguirán utilizando de todo: mentiras, xulgados, fiscalías… Pero levamos así moitos anos, e nunca perdemos ningunha. 

 

Dende que estamos no seu goberno   cambiou radicalmente a Deputaicón. Non vexo perigo en perdela
 

Máis belixerantes parecen mostrar no PPdeG, decididos a facer unha aposta importante a nivel provincial, con nomeamentos de políticos coñecidos tras o seu paso pola Xunta como Vázquez Almuiña e Nava Castro en Baiona e Ponteareas. Ve ansiedade no PP para recuperar a Deputación?

Non o sei, ese é un tema que non ten unha relación directa porque ninguén se presenta a deputado. Pero si podo dicir algo da Deputación é que estamos no seu goberno e cambiou radicalmente. Está a investir dunha forma transparente, de forma que cada localidade sabe canto diñeiro vai ter e planificar os seus proxectos, con liñas de mellora da mobilidade, con proxectos que se fan en practicamente todos os municipios de mellorar a calidade nos núcleos centrais, co ‘Plan Revitaliza’, distribúese equitativamente cun maior investimento nos municipios pequenos, cunha maior autonomía municipal… Se o tema é polo que se fixo nestes oito anos, gáñase por goleada e maioría absolutísima. Pero non vexo perigo en perder a Deputación. 

 

Para o BNG, as de maio poden ser unhas eleccións decisivas que marquen si os nacionalistas manteñen a tendencia ascendente dos últimos anos. Nas autonómicas pasaron de 6 a 19 escanos, representación no Congreso, gañando peso nas deputacións… Serán un punto de inflexión os locais para o BNG? Non hai cambios das cabezas de lista nas sete cidades, polo que a aposta parece continuísta canto menos…

O BNG está a tomarlle o pulso ao país, cun contacto directo coas necesidades dos galegos e galegas. Está á alza, é obvio. É unha alternativa ao PP. Temos que confirmar ese crecemento, con máis representación municipal da que xa temos de face a poder tentar acceder ao goberno da Xunta nas próximas eleccións. Como forza política é a única que medra, que xera expectativas, optimismo, na que se está facendo un bo traballo a nivel galego. E as municipais son importantes para ter unha maior responsabilidade. Hai 30 ou 40 concellos nos que está a gobernar e deixou pegada. As referencias son as que son. Nós somos referentes, como o foi Allariz no seu día. Agora As Neves, Tomiño, Poio, Bueu…concellos con experiencias de goberno positivas porque melloran a calidade de vida da xente. 
 

E imos seguir esa liña. En Pontevedra somos tamén referencia en deportes. Imos celebrar a gran final das series mundiais de tríatlon, o evento máis grande que se vai a celebrar en 2023 en practicamente todo o Estado. Celebramos campionatos, nacionais, de Europa, do Mundo… 25 campionatos só o ano pasado. 25 fins de semana cunha ocupación total na cidade en base á actividade deportiva. Temos o Culturgal, a feira máis importante de industrias culturais de Galicia. Somos a capital do Camiño Portugués, que está a tirar moito, con peregrinos que usan Pontevedra como base para facer varias etapas.
 

 

 

SANIDADE E A IDEA DE PAÍS

Ademais de alcalde, vostede é médico. A súa é unha voz autorizada para radiografiar a sanidade pública galega. Este domingo hai convocada unha gran manifestación en Compostela, á que o Concello deu o seu apoio. Como ve ao SERGAS e cales son as necesidades da cidade en materia sanitaria? 

Despois de moitos anos estar executando un hospital de agudos para toda a área sanitaria. Opuxémonos ao proxecto inicial presentado por Feijóo á súa chegada, pero cando sentou a falar da ampliación do Montecelo puxemos todos os recursos da nosa parte. Pero a dificultade máis grande de toda Galicia é o medicamento de familia, que é fundamental para que funcione todo o sistema e cheguen aos hospitais a xente que necesite chegar aos hospitais e fágase algo do que se esquece todo o mundo: a promoción da saúde e a prevención da enfermidade. 

 

"A dificultade máis grande de toda Galicia é o medicamento de familia, que é fundamental para que funcione todo o sistema e cheguen aos hospitais a xente que necesite chegar aos hospitais"

Agora todo vai ás urxencias, persoas que non coñecen ao seu médico de cabeceira, non se substitúen baixas nin vacacións…é unha tolemia, unha deterioración da sanidade dos últimos anos. Nos 20 anos que exercín de médico nunca se foi ninguén da miña consulta á súa casa sen ser atendido. A Atención Primaria é fundamental. E outro problema é que a poboación é cada vez máis envellecida e temos que buscar alternativas para a súa atención, con algún centro hospitalario para crónicos ou que non poden estar en residencias porque non están asistidas ou porque viven sós. 

 

O Hospital Provincial…

Sería o normal. Se tes un hospital será máis fácil remodelalo para un hospital de crónicos que non un xeriátrico. Algúns fan promesas: “Agora o hospital vai para a universidade e a residencia vai ser o hospital”. Parece que están a xogar ás casiñas.
 

Eu sempre entendín o meu traballo na alcaldía como unha continuidade do meu traballo no sanidade. No corpo humano hai uns elementos necesarios para a vida, como o azucre. Pero se eses elementos se disparan e aparece a diabetes, por exemplo. As cidades igual. Se o espazo público está ocupado por coches, que botan fume, que matan xente, que fan ruído…entón a cidade o que está é enferma. Unha das miñas funcións foi curar a cidade, ou polo menos promocionar a saúde e previr a enfermidade, porque evitas mortes e accidentes graves. Once anos sen accidentes mortais no espazo público urbano. Ningunha cidade con máis de 50.000 habitantes ten iso. Pero temos xente que quere volver atrás…  
 

Vostede tivo varias oportunidades de asumir el liderado do Bloque a nivel nacional pero nunca deu ese paso. Por que?  En que cre que se diferencia a visión de Galicia que ten a súa xeración da visión que ten a xeración de Ana Pontón?

Estou como alcalde de Pontevedra porque quero moitísimo a esta cidade, pero tamén porque quero a este país. Levo o nacionalismo e o convencemento de que este país é rico e cunhas posibilidades inmensas, pero mal gobernado. Quero reverter na sociedade o que a sociedade me deu. Son fillo dun labrego con dúas vacas e unha costurera. Puiden estudar con bolsas e sempre me gustou achegar cousas. Creo que achego moito, pero hai xente con proxección, capacidade, coñecemento… Eu non me conformo, pero estou moi a gusto aquí. Colaborarei sempre para que este país teña un goberno galego decente, que confíe no país. 
 

 

O que noto cada vez máis é que se non queres ao teu pobo, malamente podes facer un proxecto decente. Feijóo marchouse. Importaralle España. Este país ten que ter persoas que crean nel, que traballen, que se deixen de choros. Que si temos electricidade somos un país rico, porque os que teñen enerxía sono. Pero hai que usar as vantaxes comparativas e non mandar a electricidade e pagar a peaxe. Pór en valor as nosas potencias, cun sector primario brutal, con emprendedores que son a 'releche', como o é a nivel forestal, mentres abandonamos terreos agrarios e enchéndoos de eucaliptos, achegándoos ás zonas de cultivo eás casas. Imos ordenar o monte. No bipartito había o banco de terras e fíxose que as eólicas se destinasen a rendibilizar empresas aquí, pero todo iso chimpárono. Cando gobernas un país ao que non sentes unido a cousa non funciona. Fai falta alguén que confíe, que queira e que non mire fóra do país. Pero non temos capacidade política de reverter a riqueza deste país e  conseguir que poidamos traballar e vivir dignamente todos nós e os que veñan. Os que veñan colaborar e non a roubar, iso si. 

 

Loresxunta
Foto: Xunta.gal

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE