Rueda cre que a manifestación polos incendios tivo "unha afluencia menor á que esperaban" os convocantes
Reitera que se decidirá sobre a moratoria de eucalipto antes de fin de ano atendendo a "todas as circunstancias", pero sen "condicionantes políticos".
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou, en relación á protesta celebrada en Santiago este domingo tras os incendios do pasado mes de agosto, que tivo unha "afluencia menor á que esperaban os convocantes". "Somos moitos máis os que estamos en contra dos lumes e dos incendiarios dos que estaban na manifestación", dixo.
Preguntado pola manifestación tras presidir a reunión semanal do seu Executivo, Rueda mostrou o seu respecto "por todas as persoas" que acudiron á protesta na capital galega, pero, matizou, "especialmente por aquelas que estaban de boa fe". "Supoño que algunhas se sorprenderían bastante ao ver rodeadas de bandeiras e consignas independentistas", advertiu.
"Se o que se pedía é que a Xunta adoptase medidas, a Xunta xa o está facendo. Foron anunciadas na comparecencia do martes e, ademais, algunhas xa se estaban executando", esgrimiu, antes de apuntar ao "partido político convocante", en referencia ao BNG, e de remarcar que neste caso é "demasiado evidente" cal é porque "o outro nin sequera compareceu", en alusión ao PSdeG.
Rueda puxo o acento en que "non interesaba falar das axudas" da Comunidade que "xa se están pagando" ou da "celeridade en convocalas", e afeou que non escoitou "nin un só reproche á falta de convocatoria" de compensacións para paliar os efectos dos lumes por parte do Goberno central.
"Afortunadamente, somos moitos máis os que estamos en contra dos lumes e dos incendiarios dos que estaban onte na manifestación de onte, que, outra cousa é que o recoñezan os convocantes, tivo unha afluencia menor do eles e elas esperaban, sen ningunha dúbida", subliñou, antes de insistir en que o seu Goberno tomou medidas "desde o primeiro momento".
MORATORIA DO EUCALIPTO
Doutra banda, sobre a moratoria á plantación de eucaliptos, que se extingue a finais do presente ano e obrigará á Xunta a decidir si prorroga, suprime ou modifica a medida, Rueda evitou dar novos datos e limitouse a manifestar, como xa fixo nunha entrevista con Europa Press en agosto, que tomará unha decisión "de aquí a final de ano", tras unha análise completa da conxuntura.
Farao, garantiu, atendendo "todas as circunstancias" que están en xogo, e "fóra de condicionantes políticos ou de calquera outra cousa que non sexa o interese xeral".
Así mesmo, advertiu que "a extinción en Galicia é xa un servizo público composto por profesionais que fan un gran traballo e que están integrados nunha escala de administración da Xunta". "Supoño que quen reclamaban iso que xa existe facíano por intereses políticos ou non se decatan moi ben de como están as cousas", resolveu.
Escribe o teu comentario