"É millonario e non o sabe"

Rodrigo Brión Insua

Escuchimizado e miúdo -haberá quen diga que raquítico mesmo-, un raparigo tinerfeño achégase como cada mañá á súa mellor amiga. Acaríñaa e empeza a xogar con ela. Alguén levanta a cabeza e veo trastear co balón, talvez facendo cabriolas imposibles para o resto de mortais. Se cadra é un simple pase, medido ao milímetro cunha precisión cirúrxica. Os seus ollos, que xa viron moito, detectan rapidamente a excepcionalidade que ten diante. "Mirádeo. É millonario e non o sabe", proclama embobado aos seus compañeiros no círculo matinal. O do vaticinio é Pepe Mel, un home curtido en mil batallas, e o neno do millón de dólares é Pedro González, hoxe mellor chamado Pedri, talvez o maior talento que deu o fútbol español nos últimos dez anos. Ao canario, que mantén o apelativo dun raparigo -claro, "só" ten 21 anos-, vénselle as hechuras de lonxe. Viullas a dirección deportiva do Barça para levarllo das Palmas e viullas Koeman cando, con 17 anos, entregoulle o temón do centro do campo. Aínda o manexa, cando as lesións llo permiten, e faio como ninguén. 

 

A primeira vez que vin a Pedri pola tele pensei: "Deus...que noxo". Son palabras de impotencia de alguén que aínda soña con que un observador o descubra nun partidillo cos amigos e debute co club dos seus amores frisando a trintena. Pedri foi, como outros antes, a enésima constatación de que os nenos me adiantaron pola dereita, e que as opcións de que me enfunde a casaca blaugrana son cada vez máis remotas. Facer maior é ser consciente de que o rapaz de 17 anos da televisión está a vivir o soño que ti, con 29 paus, aínda mantés vivo moi ao teu pesar e ao fondo do teu corazón futboleiro. E ese momento no que caes na conta é un golpe na boca do estómago do que nunca che chegas a recompor do todo.

 

E non te recuperas porque o fútbol, e máis concretamente A Masía, encárgase periodicamente de lembrarche que nin es nin serás nunca un dos elixidos. O último en facermo ver foi Pau Cubarsí. Para os que non o coñezan, é o novo líder da zaga dun club que gañou cinco Copas de Europa, pero ao que os seus pais teñen que levar a adestrar porque non ten idade para conducir. Creo que non ten idade nin para afeitar, se me apuras. Cubarsí é insultantemente mozo. E insultantemente bo. Xoga coma se levase 400 partidos ás súas costas. É serio no un contra un, férreo por arriba, contundente no corte, e saca o balón xogado que dá vertixe. Ten a confianza do que se sabe diferente. Como non me vai a dar noxo ese renacuajo? Se non tes idade para lembrar a Ronaldinho non mereces o meu respecto. Así de avó cebolleta volvinme.

 

Cubarsí naceu en 2007. Concretamente o 22 de xaneiro de 2007 -12 anos e un día máis tarde que o que firma-. Ten 17 aniños. Que facían vostedes con esa idade? Algúns xa estaría a cobrar a súa primeira nómina; outros, como eu, fincando os cóbados e pelexar co latín e o grego para sacar o Bacharelato. Pois o bo de Pau vai debutar esta noite coa Selección Española. O máis grave é que non vai ser o máis novo da cancha. Lamine Yamal, ese que como dixo 'O Vasco' Aguirre "pinta para rata" como Messi, só soprou 16 velas. Ao velo pensas que non lle dá para rata e queda en ratiño, con ese corpo prepubescente, con rizos e aparello nos dentes. Pero detrás desa mirada aniñada escóndese Súper Rato, capaz de botar ás costas a un Barça en decadencia e ser o seu mellor futbolista. Será xa o seu quinto partido con España, coa que xa celebrou dous goles. Que noxo, que rabia, que impotencia...que amargado estou, a nai que me pariu.

 

O peor de todo é que os quero. Quéroos como aos meus fillos? Poderían ser os meus fillos? Eu véxoos así. Polo menos, como a uns curmáns moi pequenos. Acabo de caer na conta de que son máis pequenos que a miña curmá máis pequena! O mundo vira e eu case non me dou nin conta da metade das cousas que pasan. O tempo pasa tan rápido. Se onte mesmo estaba a chorar a bágoa viva porque Saviola íase do Camp Nou. Canto fai diso xa? Nin Cubarsí nin Yamal naceran. E mirádeos agora. Representando a España cando non poden nin votar. Vestindo as cores da miña Barça querido. Sendo dous dos mellores futbolistas do planeta. De verdade, mirádeos. Son millonarios. E claro que o saben. Foder si sábeno.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE