A eterna viaxe a Ítaca

Manoel Barbeitos
Economista

Se analizamos a historia política e partidaria de Galicia atopamos con que a pesares das décadas transcorridas dende que temos autonomía (máis de catro) hai un sector das esquerdas que, aínda hoxe, segue á procura do seu espazo no escenario político. Pode resultar chocante este fenómeno pero se revisamos o sucedido en todo este tempo seguramente entenderemos as causas desta eterna 'viaxe a Itaca'. Porque se Ulises tardou 10 anos, logo do final da guerra de Troia, en volver a súa casa a estas esquerdas lles está custando moito máis tempo atopar un fogar definitivo ou cando menos minimamente estable. E é que cando, por fin, parecera que están chegando ao porto (2012, 2016) queiman as naves.

 

Se incluímos neste espazo político o que non é nin PSdeG-PSOE nin BNG atopámonos que dende a primeira convocatoria de eleccións autonómicas celebradas no ano 1981 estas esquerdas non alcanzaron unha representación destacable hasta o ano 2012, cando a candidatura de AGE (liderada por X. M. Beiras) sacaría 9 deputados. Cifra que sería amplamente superada na convocatoria electoral seguinte (2016) cando En Marea (liderada por Luis Villares) chegaría aos 14 deputados (a maior cifra na súa historia), para logo sufrir unha enorme desfeita nas eleccións do 2020 onde Galicia en Común-Anova non sacaría ningún deputado. Anteriormente e coas excepcións dos anos 1981 (Esquerda Galega e Partido Comunista de Galicia ámbalas dúas con 1 deputado), 1985 (con 3 deputados para o Partido Socialista Galego-Esquerda Galega e ningún para o Partido Comunista de Galicia) e 1989 (Partido Socialista Galego-Esquerda Galega, 1 deputado) o resto de convocatorias non sacaría representación parlamentar a pesar das diferentes candidaturas: Esquerda Unida-Unidade Galega (1993), Izquierda Unida (1997), Esquerda Unida e Esquerda Galega (2001), Esquerda Unida (2005) e (2009) nestas dúas últimas convocatorias con Yolanda Díaz como cabeza de lista.

 

Os datos aí están e as lecturas políticas que se poden sacar dos mesmos son moi sinxelas. En primeiro lugar que, nesta última década (dende 2012), coincidindo coa caída do bipartidismo e logo dun longo período (30 anos) como marxinal, este espazo político parece ter ao alcance unha nada desprezable bolsa de votos (200.101 no ano 2012, 271.418 no 2016) que incluso lle permitiron liderar as esquerdas (2016). Un espazo político que, tendo en conta o anterior, adquire forza real cando supera as tradicionais formas partidarias para  ofrecerse como unha organización ampla e plural (AGE, En Marea). Algo que, a pesar diso, non resulta fácil que se consolide pola acción centrífuga dos partidos políticos que aceptan esas fórmulas máis por motivos de oportunidade que por razóns ideolóxicas e estratéxicas como se puido comprobar coas traxedias de AGE e EN MAREA e que provocaría que nas eleccións de 2020 quedara novamente sen representación. Finalmente, resulta indiscutible que o auxe ou caída deste espazo depende non pouco da fortaleza ou debilidade das outras forzas de esquerda máis tradicionais (PSOE, BNG) como proba a evidencia de que estas experimentaran importantes retrocesos tanto nas eleccións do 2012 como de 2016.

 

Velaí o reto ao que se afronta SUMAR GALICIA, que aparece agora no escenario galego, coa intención de presentarse ás vindeiras eleccións autonómicas e disputarlle un espazo nas esquerdas ao BNG e o PSdeG-PSOE. Difícil facer unha análise do posible impacto desta organización por que ao día de hoxe presenta un perfil moi difuso e falto de concreción, sen líder/esa, sen programa e sen organización: só nomes. Por outra parte a organización nai (SUMAR) ven de sufrir unha importante escisión coa marcha de PODEMOS ao grupo mixto o que engade máis incógnitas as que xa existían tanto a nivel interno como externo.

 

En relación a isto último cabe subliñar que o escenario galego actual non ten nada que ver co dos anos 2012 (AGE) e 2016 (EN MAREA) entre outras razóns por que SUMAR terá que competir con un BNG en alza que conta cunha lideresa contrastada e potente e un PSdeG-PSOE que a pesares das súas conxénitas debilidades mantén o seu espazo. Por tales razóns máis parece que SUMAR vaia ocupar o espazo que no seu día ocuparon EG (Esquerda Galega) ou EU (Esquerda Unida) pero coa desvantaxe de non contar con lideres/as do prestixio de Camilo Nogueira ou Anxo Guerreiro.

 

A nivel interno hai dúbidas fundadas de que SUMAR GALICIA sexa quen de superar o virus das eternas divisións que tanto dano lle fixeron e lle seguen facendo a estas esquerdas. Mais cando, como sinalaba anteriormente, non contan cun/ha líder/esa con autoridade e prestixio (como, por caso, no se día foi X. M. Beiras) que destaque por riba das rivalidades internas e sexa quen de unir a organización.

 

Mais en política todo é posible e iremos vendo se SUMAR é quen, cando menos, de iniciar a viaxe á Itaca.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE