Folga en Massimo Dutti de As Cancelas en Santiago tras outro peche polo Plan de Dixitalización de Inditex
A compañía de Marta Ortega conseguiu que varios sindicatos lle asinasen un plan de cambio de modelo de negocio que está a aproveitar para liquidar ducias de comercios por toda España.
O Massimo Dutti de As Cancelas de Santiago, os Bershka de Vilagarcía e Pontevedra e o Kiddy's Class de Vigo son as últimas vítimas nun proceso que xa se levou por diante ao Massimo Dutti de Ourense, o Massimo Dutti de Lugo, a sección de MD cabaleiro en Marineda City da Coruña, Uterqüe de Santiago e o Zara Home de Santiago (As Cancelas).
A apertura de negociacións para un novo convenio estatal e as mobilizacións lanzadas por CXT fronte ás tendas non detiveron o Plan de Dixitalización que a empresa considera clave para manter os seus beneficios marca.

A CIG convocou folga indefinida a partir do luns 23 na tenda de Massimo Dutti que Inditex ten no centro comercial de As Cancelas.
A convocatoria prodúcese despois de que a multinacional comunicase a súa decisión de pechar este centro de traballo, segundo apunta a central nacionalista.
A representante da CIG-Servizos, Carmiña Naveiro, explica que "esta non é a única tenda que a empresa decidiu pechar" e asegura que entre o martes 17 e o mércores 18 tamén anunciou a súa intención para os Bershka de Vilagarcía e Pontevedra e Kiddy's Class de Vigo, o que afectará, segundo os seus números, a 45 traballadoras.
CRÍTICAS A OUTROS SINDICATOS
"Para xustificar esta medida, a empresa ampárase unha vez máis no acordo alcanzado con CC.OO. e UXT sobre o proceso de dixitalización das vendas", apunta a organización sindical.
De feito, fontes de Inditex consultadas por Europa Press sinalan que "o peche desta tenda forma parte do plan de optimización da superficie comercial e todos os traballadores afectados van recibir ofertas de recolocación noutras tendas, como vén sendo a norma en todos os casos en que se produciron peches e como foi acordado cos sindicatos a nivel nacional".
"Á conta das TRABALLADORAS"
Este acordo, segundo a CIG, "permítelle pechar tendas non porque dean perdas senón para obter máis beneficios á conta das traballadoras".
A CIG critica que os peches "non van acompañados dun proceso de recolocación con garantía de mantemento do emprego e de condicións laborais e salariais".
OUTROS PECHES
Así, afirma que as vacantes que ofrece a empresa "non teñen un mínimo de calidade" e "a alternativa que queda ás traballadoras é a de acoller a unha praza en peores condicións, algunhas con xornadas semanais ridículas ou con horarios que lles impiden conciliar".
Á convocatoria na tenda de Massimo Dutti de As Cancelas poderanse sumar máis tendas do resto das cadeas afectadas polos peches e a CIG indica que prevé ademais convocar concentracións.
Escribe o teu comentario