100 millóns de Amancio Ortega para a DANA, en torno ao 0,1% do seu patrimonio
Inditex, ademais deste gran fondo, xa reaccionara á DANA que afectou Valencia cunha doazón de 4 millóns de euros, distribuídos equitativamente entre Cruz Vermella Española e Cáritas. Con todo, a actitude da empresa xerou algunhas críticas por parte de certos sectores políticos, como Podemos, que cuestionaron as motivacións detrás destas doazóns e sinalaron problemas laborais nas tendas da compañía durante a emerxencia, por non permitir aos empregados ter os móbiles consigo e obrigarlles a traballar a pesar da alerta vermella.
A Fundación Amancio Ortega puxo a disposición dos Servizos Sociais dos concellos afectados pola DANA un fondo dotado con 100 millóns de euros para o apoio aos cidadáns nas súas necesidades máis inmediatas.
A fortuna de Amancio Ortega foi calculada este verán por Forbes en 110.250 millóns de euros. Por tanto, a doazón anunciada hoxe supón, aproximadamente, ao 0,09 do seu patrimonio.
A Fundación traballará coas administracións competentes para que a axuda se canalice aos afectados da forma "máis áxil, rápida e efectiva", segundo informou nun comunicado.
Pola súa banda, Inditex, o grupo fundado por Ortega, realizou unha doazón de 4 millóns de euros a Cruz Vermella Española e a Cáritas Española, 2 millóns a cada unha, para axudar a cubrir as necesidades básicas das persoas vulnerables ou en situación de exclusión afectadas pola DANA que azoutou a comunidades como Valencia, Castela-A Mancha ou Andalucía, segundo informaron a semana pasada ambas ONGs e confirmou a compañía a Europa Press.

Inditex atendía así a petición transmitida polas entidades do terceiro sector coas que a compañía téxtil mantén unha relación estable, que realizaron un chamamento público á colaboración de empresas e cidadáns para axudar aos afectados pola DANA.
Así mesmo, Inditex axudará a canalizar as achegas voluntarias dos seus empregados a ambas as entidades. O grupo púxose tamén a disposición destas organizacións para contribuír con roupa, calzado e produtos de fogar en función da evolución da catástrofe.
Escribe o teu comentario