Xoaquín F. Leiceaga: “A inmigración permitirá solventar o problema das pensións"

Xoaquín Fernández Leiceaga é profesor de Economía na USC e en 1999 publicaba o artigo "A caída da fecundidade en Galicia: 1970-1995: Explicacións desde a Economia". Vinte e catro anos despois varios puntos sinalados naquel artigo cumpríronse, como o descenso en nacementos, envellecemento da poboación e un comportamento de fertilidade ligado ás circunstancias históricas e temporais. Se nos 80 a crise económica facía efecto no desexo de ter fillos, vinte anos máis tarde as circunstancias persoais parecen primar máis á hora de ter descendencia. Diseccionamos aquela investigación que apuntaba xa certos perfís da poboación en Galicia a día de hoxe


|

Leiceagamicro 1
Leiceaga


 

-Por que desenvolveu a súa investigación sobre este período concreto e cales son as diferenzas, economicamente falando, entre a natalidade e a fecundidade?

O artigo elaborouse a finais do século pasado e eses eran os datos máis actualizados que tiñamos. Á parte, puidemos ver que era un momento en que había un cambio significativo no comportamento reprodutivo nas mulleres en Galicia, á parte que coincidía coa Transición democrática. A diferenza entre fecundidade e natalidade está en que a primeira é máis precisa pois mide o comportamento reprodutivo dun grupo de idade e podes dividilo en tramos máis curtos, permite unha aproximación máis precisa. O estudo é un traballo que nace logo de darnos conta da caída dos nacementos en Galicia desde finais dos anos 70, ademais, estaba a producirse un fenómeno como era a baixada da intensidade na emigración, marchaba tanta xente como a que volvía, todo isto significaba todo un cambio de modelo demográfico.


 

-Apunta que o 'baby-boom' en España, entre os anos 194 e 1960, non se deu en Galicia. Que motivos houbo para este comportamento?

O 'baby-boom' foi menos intenso en Galicia por dúas razóns. A primeira, en Galicia era xa viñamos traendo un réxime de baixa fecundidade, mesmo no modelo tradicional o comportamento reprodutivo estaba influído por altas taxas de solteiría e casamentos tardíos, producía pouco descendencia. En segundo lugar, as condicións de vida, que eran moi baixas e un modelo de vida máis ligado ao medio rural e unha taxa de poboación moi baixa ligada ás cidades.

 

 

 


 

-A emigración entre os anos 50 e 70 influiu tamén na taxa de fecundidade en Galicia?

Iso influiu máis na natalidade que na fecundidade. Aquí descende a proporción de mulleres de homes con respecto á emigración. Quen emigra? A xente máis nova e en termos económicos, a emigración sería como un investimento, canto máis longo é o período en que poidas rendivilizar ese investimento máis fácil é que te movas. Por tanto, se emigra a mocidade a base demográfica redúcese. A fecundidade está ligada cos que quedan.


 

-A entrada da muller no mercado laboral foi tamén outro condicionante.

Iso ten importancia porque a partir de mediados dos 1970 aparece unha maior incorporación da muller ao mercado laboral. Isto influiu nos custos e tenencia de fillos. Cando a muller se incopora ao mercado laboral hai unha relación máis directa entre ter traballo e ter fillos, as mulleres que traballan teñen máis fillos a partir de certo momento e se se trata dunha parella onde os dous traballan é posible ter máis fillos. 


 

-Houbo un incremento a principios dos 1970 da fecundidade en mulleres menores de 24 anos por unha bonanza económica. Esta bonanza recollía os froitos do “desarrollismo” franquista dos 1960?

Si, basicamente, logo o fenómeno foi inverso logo da primeira crise do petróleo en 1973, mais si, nos primeiros setenta se dá este fenómeno. As coxunturas económicas alcistas impulsan os matrimonios e a fecundidade. Naquel momento así foi. 

 

 

 

 


 

-O estudo indica que co paso do tempo o número de nacementos foi descendendo nas cidades até chegar a un equilibrio cos nacementos no rural. Que aconteceu para darse isto?

Basicamente que o proceso de transcición reflectido no artigo se produce de maneira máis intensa no mundo urbano que no rural. Temos o proceso de incorporación da muller ao mundo laboral, máis intenso nas áreas urbanas e logo hai outro fenómeno onde vemos un ascenso do nivel ao que aspiraban os pais para criar os fillos. Todo iso ten máis forza no mundo urbano.


 

-Logo fala da “democratización da descendencia”. Que significa isto?

A fecundidade baixaba globalmente mais o número de mulleres que tiñan fillos era maior que antes. Había menos fillos por muller aínda que había máis mulleres con fillos. Logo está que a fecundidade é resultado dunha decisión consciente a día de hoxe. Fronte ao modelo tradicional onde hai un sistema de control de nacementos mediante matrimonios máis tardíos e outras maneiras, agora temos un sistema máis aberto debido en parte ás liberdades, uso de anticonceptivos é máis doado e non hai sancións. O nivel de formación elévase e isto facilita o acceso a elementos contraconceptivos. A tradución de todo isto é: as mulleres teñen os fillos que desexan ter. 

 

 

 


 

-Cales poderían ser as consecuencias da maternidade tardía que experimentan os países desenvolvidos, nais a partir dos trinta anos en diante?

Ese fenómeno xa apuntaba hai anos, o atraso da maternidade aínda que hoxe en día é máis intenso. Posiblemente sexa así no futuro. Porén, cando lle preguntan a xente nova sobre as súas prespectivas en relación coa familia, a media sería ter dous fillos mais logo teñen menos. Isto é así por motivos como os altos prezos da vivenda, precariedade laboral, salarios baixos e falta de servizos, aínda que hoxe é máis doado encontrar unha praza nunha escola infantil. Hoxe en día puxéronse en marcha mecanismos para a conciliación familiar e unha maior corresponsabilidade de home e muller na crianza dos nenos e nenas. E logo está o feito de que ter fillos ás veces supón un freo para o desenvolvemento profesional da muller e iso a pesar dos resortes como son os permisos de paternidade e maternidade, con todo, segue sendo moi difícil buscar unha solución a isto.


 

-Falaba do desexo de ter unha media de dous fillos, mais que acontecería se as familias optan por ter un único fillo?

Habería unha inversión da pirámide de idades, tamén podería haber un desequilibrio no sistema de pensións e un peso moi elevado do gasto sanitario sobre a poboación. Os mecanismos que permitiría compensar isto sería a inmigración. Entre 1999 e 2008 entraron case cinco millóns de inmigrantes pola cantidade de postos de traballo que non se chegaban a cubrir. Formar parte dun conxunto máis amplo, un conxunto solidario, é unha axuda importante.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE