'Cemento Musgo', os once "mantras" de Sokram, A. L. Crego e Coio: "É difícil ver a crítica se non responde a intereses"

Sokram, coñecido polo seu traballo en Dios ke te Crew, ao micro. Coio, produtor parisiense, nos ritmos. A. L. Crego, artista do gif art, á fronte das videocreacións. Esta alianza foi a nai de 'Cemento Musgo', un proxecto no que a música, a voz, a narrativa e as imaxes van da man para crear un "micro universo" cheo de complexidades e realidades incómodas coas que facer reflexionar ao espectador. Galiciapress entrevista a Sokram con motivo do lanzamento deste traballo, marcado pola pandemia e a distancia, que será presentado en directo o próximo 4 de maio na mítica Sala Malatesta. 


|

CEMENTOMUSGO   u00a9 El Membrillo Studio (Bastian Rodriguez & Pedro Galvau0301n) 4
Foto: Cemento Musgo

 

A cotío dise que unha imaxe vale máis que mil palabras. Tamén os hai que sosteñen que as palabras son a nosa maior arma. Son dous mundos que, en ocasións, resultan coincidentes e complementarios, pero é moi difícil lograr unha harmonía tan complexa como a que ofrece ‘Cemento Musgo’, o proxecto musical no que se embarcou un trío formado polo rapeiro Sokram, o produtor parisiense Coio e o artista do gif art A. L. Crego

 

Esta santa trinidade conseguiu que música, letra e imaxe fiquen xuntas neste traballo de experimentación -gravado, mesturado e masterizado por Mou (produtor e MC de Dios ke te Crew) en Rapapoulo Estudo baixo o selo discográfico DKTC Sons-, que xa está na rúa desde hai uns días, con once cancións e once videocreacións que acompañan a cada un dos temas aos que pon voz un dos MCs da coñecida banda Dios ke te Crew

 

 

UN TRIDENTE PERFECTO

Este Visu-Álbum ofrece ao tres a posibilidade de xogar en distintos campos, con distintos ritmos e con temáticas en grao sumo variadas. Con todo, cruzar todos estes camiños non é tarefa sinxela, aínda que eles fagan que así o pareza. “Foi unha cousa natural, orgánica. A. L. Crego leva tempo como vídeo-jockey en Dios ke te Crew. A partir de aí sae a relación e a unión con Coio, con quen xa traballara. Así nacen estas tres patas, por mor de escoitar as músicas que nos pasa Coio empezo a escribir sobre elas e ao mesmo tempo vanse incorporando as imaxes a esas narrativas, retroalimentándonos uns a outros”, relata Sokram.

 

 

 

Con ese espírito pioneiro, cabe preguntar si quedou algunha disciplina por explorar, como a danza, outro elemento catedral na cultura hip-hop. Con todo, e sen descartar a posibilidade de poder introducir algo a maiores no futuro con algunha creación que poida asomar, o proxecto baseouse “nas artes que dominamos”. 

 

Precisamente na escena actual parece existir unha presión engadida sobre os artistas neste sentido, xa que moitos esixen que sexan capaces de tomar o control sobre todos os aspectos, xa non só no apartado musical, senón tamén en canto a escenografía, vestiario…elementos que foron gañando peso, por riba en ocasións da propia proposta sonora. Sokram, en cambio, considera que neste caso non se viron “sometidos” a ningún tipo de presión e que no seu caso “xurdiu con toda naturalidade”.
 

“Ademais das letras son deseñador gráfico, ilustrador e muralista. A parte gráfica téñoa implementada na miña cabeza. Á hora de escribir tamén parto de imaxes moitas veces. A narrativa e a imaxe están moi presentes na miña forma de pensar e de crear”, explica sobre este proceso, considerando que tanto o seu labor como o de A. L. Crego “van da man moitas veces”. 
 

“Nunca nos dixemos: ‘Hai que facelo desta forma por isto e por isto’. Non. Fixémolo porque nos apetecía, queriamos facer un traballo creativo que fose máis aló”, xustifica Sokram. Nesa liña, a súa proposta é tamén un desafío para o público, ao que lle piden abrir os ollos e as orellas para acompañar o que escoitan co que ven, de forma que teñan unha experiencia máis rica e unha maior comprensión. 
 

Así, nun mundo no que todos os produtos parecen deseñados para usar e tirar, ‘Cemento Musgo’ persegue perdurar na cabeza do oínte. “Ten moito pouso o traballo de A. L. Crego. Son once cancións coa súa propia videocreación. Son como mantras visuais compostas por distintas imaxes que ilustran poéticamente as letras”, valora Sokram. 
 

 

DE FRANCIA A GALICIA; DE GALICIA A FRANCIA

No tocante á produción, este foi talvez o aspecto máis complexo por unha mera cuestión de distancia, xa que a internacionalidade do proxecto obrigounos a compartimentar cada fase do traballo e ir empastando todo da mellor maneira. “Mandabamos o traballo a París, el facía arranxos, nós suxestións, unha parada, unha ponte, engadir un instrumento…comunicándonos para ver como podía quedar mellor neste traballo a distancia”, detalla. Afortunadamente, houbo tempo para reunións presenciais nas que pór todo en consonancia e dar forma a este ‘Cemento Musgo’. 

 

O traballo defínese como un “micro universo” onde converxen elementos a priori contrarios, como pode ser o urbano e o rural. Mundos separados a anos luz en ocasións, pero que en Galicia non están tan lonxe o un do outro. Sokram non percibe esa diferenciación entre os dous mundos. 
 

“A tecnoloxía e o progreso non deixan de ser unha creación que nace da propia natureza humana. A tecnoloxía é parte da natureza se o queremos ver así. Xogando con iso, nós que nos movemos en contextos semiurbanos ou semirurales, o ‘Cemento Musgo’ nace nun lugar como Ordes, que é un sitio algo gris e atravesado por un río que está soterrado, porque no seu momento os poderes públicos creron que non era oportuno telo á vista, polo que é un panorama inspirador para esta paisaxe que creamos para esta criatura experimental que non é senón unha fina liña entre o urbano e o rural”, sintetiza Sokram.

 

O ecoloxismo, a influencia das redes, ou mesmo algún que outro dardo á industria musical son temas que Sokram aborda sen se privar o máis mínimo, lanzando unha mensaxe ao público, algo cada vez máis difícil de atopar dentro da escena máis comercial. 

 

CEMENTOMUSGO   u00a9 El Membrillo Studio (Bastian Rodriguez & Pedro Galvau0301n) 5
Foto: Cemento Musgo

 

“Costa visualizar mensaxes críticas dentro do mainstream. É como en todos os ámbitos: no prime time é máis difícil de ver a non ser que sexan postos dunha forma premeditada para responder a segundo que intereses. Segundo o grupo de poder ao que pertence o medio esa mensaxe pode saír ou non. Réxense por intereses, e no ámbito musical ocorre o mesmo, cos grandes selos interesados só en mensaxes subversivos ou críticos se resultan interesantes como produtos”, resolve, á vez que admite que “non é o caso de ‘Cemento Musgo’, obviamente, xa que este é un exercicio de liberdade creativa e a descrición dun contexto”. 
 

De feito, o contexto aquí gaña relevancia ao haber desenvolvido parte do proxecto “dentro dun contexto pandémico”, polo que permeou indubidablemente na visión dos artistas, “con descricións desa distopía que vivimos por momentos, xeradas algunhas nun contexto social que describe ese panorama, coas súas temáticas e matices”. 

 

CITA O 4 DE MAIO NA SALA MALATESTA

A súa posta de longo do show en directo será o próximo 4 de maio na Sala Malatesta de Santiago de Compostela, no marco da primeira ‘XÉNESE Clube’, “unha serie de eclécticos eventos enfocados na escena urbana e apadriñados por Dios ke te Crew no 20 aniversario”, subliñan os seus promotores. Con ‘Cemento Musgo’ o público atoparase unha “representación performática da obra, conxugando a música, voz, luz e videoproxeccións para dar vida á criatura”.
 

 

Sokram convida a estar moi atentos ao goteo de anuncios que poidan chegar nos próximos meses con máis datas para o espectáculo. “Iranse anunciando a medida que se vaian pechando as datas. Non nos imos a adiantar”, recoñece o artista, que empraza a todos a pasar pola compostelá Malatesta para unha experiencia que contará “cun gran despregamento loxístico”. 


 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE