Santiago de Compostela dá o sinal de saída ás súas Festas do Entroido este sábado

Os entroidos da cidade compostelá empezan co desfile do Meco e o pregón que será lido por De Vacas. Previamente a estes actos os xenerais dá Ulla serán o entrante destas festas coas súas vivas e atranque cos que percorrerán as rúas santiaguesas entre as 18:30 e as 20:00.

 

 


|

ENTROIDO3
ENTROIDO3

Os entroidos de Santiago ábrense estes anos cun Meco inspirado na catástrofe ambiental dos pellets e que irá acompañado por Os Conformistas de Conxo, A Ruliña de Laraño e Os Armatroulas de Laraño. Todos eles darán a benvida ao Entroido este sábado nun desfile que partirá da praza do Obradoiro ás 20 horas até quedar instalado no Pazo de Bendaña da Praza do Toural, desde onde terá lugar o pregón de inicio das festas a cargo de De Vacas.


Festival infantil de disfraces e animación nas rúas

O domingo 11 haberá animación de rúa desde as 10.30 horas coa comparsa Os Conformistas de Conxo e coa Batucada a cargo do Bloco da escola de Lato a partir das 13 horas. Pola tarde tomará a substitución a comparsa A Ruliña de Laraño acompañada pola charanga Tíralle do Aire.
 

A cita central da xornada será o Festival Infantil de Disfraces que, como é habitual, celebrarase na Sala Capitol e no que poderá participar calquera neno ou nena menor de 14 anos, con entrada libre e inscrición previa (entre as 16.30 h e as 17.45 h). Haberá baile, sorteo de agasallos e concurso de disfraces en tres categorías: individual, parella ou grupo. Os premios son doados polo Corte Inglés.
 

Os nenos e nenas serán tamén os protagonistas da proposta 'Mascarada Tour' a cargo de Nauta Teatro e Monicreques Alakrán que percorrerán as rúas da cidade histórica de Santiago a partir das 18 horas. Tamén haberá pasarrúas coa charanga Santa Compaña e os Armatroulas de Laraño, desde a praza Vermella até a rúa de San Pedro, e Os Bandiños acompañados da comparsa de Maruxas e Coralias que partirán do CSC da cidade histórica e finalizarán na praza de Cervantes.

 

Martes de Entroido

O día grande do Entroido, o martes 13, traerá o esperado desfile de Entroido, que partirá da avenida de Ferrol ás 17.30 horas e que percorrerá a Rúa de Frei Rosendo Salvado, Praza Roxa, Rúa República do Salvador, Rúa do Hórreo, Rúa da Senra e Avenida de Xoán Carlos I. Ao final do percorrido, os participantes concentraranse na Sala Capitol, onde a partir das 20 horas terá lugar a actuación dos Bregadiers, e, posteriormente, a entrega dos premios do desfile.
 

No desfile do Martes de Entroido vanse a repartir preto de 14.000 euros en premios en seis categorías: carrozas, comparsas, grupos, mellor parella, mellor disfrace individual e mellor comparsa de parroquias ou barrios do Concello de Santiago.

 

Xa ao día seguinte, o mércores 14 de febreiro, Santiago despedirá o Entroido coa Queima do Meco  a partir das 21 horas, despois do seu desfile desde a praza do Toural pola rúa Nova, rúa do Vilar, Senra, Doutor Teixeiro e República do Salvador. Todas as persoas que o desexen que deberán vestir rigoroso loito para a ocasión.

 

Xenerais dá Ulla

A programación complétase co Entroido tradicional dos Xenerais da Ulla que o sábado 17 protagonizará o desfile das Xeneraliñas da Semente que sairán ás 12 horas desde Santa Clara e finalizarán na praza de Cervantes, onde se poderán escoitar os tradicionais vivas e atranques. Tamén haberá ocasión de vivilos nas parroquias de Marrozos (sábado 3), Angrois (domingo 4), Aríns (sábado 10) e no Eixo (domingo 11).
 

O propio día 17 de febreiro aínda se poderá gozar da festa cos Carnavais Rurais en Compostela a partir das 18 horas e co Entroido de Conxo, cunha ampla programación ao longo de toda a xornada que inclúe pasacalles, exposición concurso, sesión vermú, xantar e festa entre outras actividades, con organización a cargo da Coordinadora de Festas Tradicionais do barrio.


 

Entroido nos Centros Socioculturais

Os Centros Socioculturais de Santiago súmanse á celebración do Entroido compostelán cunha variada oferta de actividades que foron presentadas a semana pasada polo concelleiro Xan Duro.


Así, os centros socioculturais participarán un ano máis coa súa propia comparsa no desfile do Martes de Entroido, o 13 de febreiro. Desta vez, a temática elixida para os disfraces que se empezarán a preparar nos centros socioculturais é o "Roubín de Corazóns", de maneira que os veciños e veciñas que queiran apuntar converteranse en ladróns e ladroas que se dedicarán a roubar e a espallar amor. Esta comparsa volverá saír á rúa o sábado 17 de febreiro, para facer un percorrido pola cidade histórica. Ademais, o centro sociocultural de Conxo está a traballar na súa propia comparsa para o desfile do martes de Entroido, coa temática "Sinais para outro mundo".

 

Relacionado coa figura dos Xenerais da Ulla, no centro sociocultural do Castiñeiriño traballarase na preparación dos disfraces dos chamados "Xeneraliños do Casti", así como nos atranques e nas coplas, para celebrar o entroido cunha gran festa o venres 16 de febreiro. Será en colaboración coa asociación veciñal, e haberá tamén comparsas e concurso de filloas.

 

Nas Fontiñas, haberá talleres para preparar os disfraces de "Seres Máxicos" cos que o centro sociocutural participará na chamada "Festa Rechamangueira" que se celebrará en Área Central o 10 de febreiro; e desde o Centro Maruxa e Coralia da cidade histórica vólvese a organizar varios talleres para preparar os disfraces para a comparsa dedicada ás irmás Fandiño do luns 12 de febreiro.

 

Propostas nas redes sociais e talleres temáticos

Ademais de participar nas diferentes festas do Entroido, desde a rede de CSC anímase á veciñanza a celebrar o entroido tamén na casa e a través das redes sociais. Dunha banda, volve a iniciativa de "O Meco manda nas redes", para que os veciños e veciñas sigan as instrucións que este personaxe trasladará a través do Facebook e do Instagram dos CSCs entre o 5 e o 13 de febreiro, subindo as súas fotos e etiquetándoas cos cancelos #NoEntroidoPretoDeTi e #CentrosSocioculturaisPretoDeTi. Ademais, do 10 a 17 de febreiro a cidadanía a compartir as fotos dos seus disfraces libres.

 

A programación do Entroido nos Centros Socioculturais complétase con diferentes talleres relacionados con esta festa. Así, haberá un taller sobre petiscos de Entroido, tanto para persoas adultas como para público familiar. Non caso das persoas adultas, será nos locais de Sar,  A Graza,  A Rocha,  Nemenzo,  O Romaño, Cardeal Quiroga,  A Trisca e Vite. Os talleres de cociña para as familias serán en Marantes, Santa Marta, Fontiñas, Villestro, Maruxa e Coralia, A Peregrina e Pontepedriña. Tamén está previsto un taller de chapeus e colas dos Xenerais da Ulla, dirixido a crianzas desde os 5 até os 11 anos. Será o 15 de febreiro nos centros socioculturais de Santa Marta e Vite.
 

Tamén haberá cinco talleres de teatro improvisado baixo o título 'Polo Entroido fai comedia!', impartidos por Jorge Rey e que se desenvolverán nos centros de Pontepedriña (1 febreiro), Maruxa e Coralia (2 febreiro), Vite (3 febreiro), Santa Marta (6 febreiro), Figueiras (7 febreiro) e Fontiñas (8 febreiro); e o espectáculo de teatro improvisado 'Unha comedia de Entroido!' dirixido a un público familiar que se poderá ver no CSC de Conxo o 10 de febreiro, e no Romaño, o 17 de febreiro.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE